YouVersion Logo
Search Icon

Zacarías 1

1
PROTO-ZACARÍAS PRIMEIRA PARTE: OCTONARIO DE VISIÓNS
Chamada á conversión
1No mes oitavo do ano dous de Darío, veulle a palabra do Señor a Zacarías, fillo de Berequías, fillo de Idó, nestes termos:
2"O Señor está moi anoxado contra vosos pais".
3Has de lles dicir: así fala o Señor dos Exércitos:
"Volvede cara a min —oráculo do Señor dos Exércitos—,
e eu volverei a vós" —díxoo o Señor dos Exércitos.
4Non sexades coma vosos pais, contra os que os profetas do pasado clamaron dicindo: "Así fala o Señor dos Exércitos: volvédevos dos vosos malos vieiros e das vosas obras ruíns". Pero non me fixeron caso nin me prestaron atención —é o Señor quen fala—.
5Os vosos pais onde están?; e os profetas, vivirán eternamente?
6As miñas palabras e os meus decretos,
que eu encarguei ós meus servos os profetas,
non lles chegaron ós vosos pais?
Eles convertéronse e dixeron: "Tal coma o Señor dos Exércitos pensou facernos a nós, conforme ós nosos vieiros e ós nosos feitos, así nolo fixo".
Primeira visión: o anxo e os cabalos que están entre os mirtos
7O día vinte e catro do mes undécimo, o mes de Xebat, no ano segundo de Darío, veulle a palabra do Señor ó profeta Zacarías, fillo de Berequías, fillo de Idó, nestes termos:
8Tiven unha visión durante a noite e velaí un home montado nun cabalo vermello. Estaba de pé entre os mirtos, que teñen as raíces nas profundidades, e detrás del había cabalos vermellos, cardosos e brancos. 9Entón eu dixen: "Meu Señor, que son estas cousas?" O anxo que falaba comigo díxome: "Eu vouche facer ver o que son estas cousas".
10E o home que estaba de pé entre os mirtos, respondeu: "Estes son aqueles a quen o Señor lles encargou que percorresen a terra". 11Entón eles dirixíronse ó anxo do Señor que estaba de pé entre os mirtos, dixéronlle: "Xa percorremos a terra, e velaí que toda a terra está habitada e tranquila".
12Entón o anxo do Señor tomou a palabra, e dixo: "Señor dos Exércitos, ata que día non te vas compadecer de Xerusalén e das cidades de Xudá, coas que levas enfadado setenta anos?"
13E o Señor respondeulle ó anxo, que falaba comigo, palabras boas e palabras consoladoras. 14Entón o anxo que falaba comigo díxome:
"Proclama isto: así fala o Señor dos Exércitos.
Teño celos por Xerusalén e por Sión, grandes celos.
15Estou moi anoxado coas nacións, fachendosas da súa tranquilidade.
Si, estaba un pouco anoxado, pero eles axudaron co seu mal".
16Por isto así fala o Señor:
"Volvereime a Xerusalén con misericordia, e o meu templo será reconstruído por ela,
—oráculo do Señor dos Exércitos— e o cordel de medir estenderase sobre Xerusalén".
17Volve a clamar nestes termos:
"Así fala o Señor dos Exércitos: as miñas cidades volverán a fartarse de bens.
Si, o Señor volverase compadecer de Sión e volverá preferir a Xerusalén".

Currently Selected:

Zacarías 1: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in