Axeo 2
2
1no sétimo mes, o vinte e un do mes, veu a palabra do Señor por medio do profeta Axeo nestes termos:
2Dille a Zerubabel, fillo de Xealtiel, gobernador de Xudá, e ó sumo sacerdote Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e ó resto do pobo:
3"Quen queda entre vós,
dos que viron este templo co seu esplendor primeiro?
Que estades vendo agora daquel esplendor?
Non é algo así coma se non existise ós vosos ollos?
4Pero agora ánimo!, Zerubabel —é o Señor quen fala—.
Animo!, pobo todo do país —é o Señor quen fala—.
O traballo! Eu estou convosco —é o Señor dos Exércitos quen fala—.
5Chegou a promesa que pactei convosco cando saïades de Exipto,
o meu espírito mantense firme no medio de vós: non teñades medo.
6Pois así fala o Señor dos Exércitos: aínda un pouco máis,
entón eu conmoverei o ceo e a terra, o mar e o chan firme,
7conmoverei a todos os pobos e virán aquí todas as súas riquezas,
encherei este templo de esplendor —fala o Señor dos Exércitos—.
8Miña é a prata e meu é o ouro —é o Señor dos Exércitos quen fala—.
9O esplendor deste segundo templo será maior có do primeiro —fala o Señor dos Exércitos—, e neste santuario eu concederei a fartura" —é o Señor dos Exércitos quen fala—.
Consulta acerca da impureza, que exclúe dos traballos ós samaritanos
10O día vinte e catro do mes noveno, do segundo ano de Darío, veulle a palabra do Señor ó profeta Axeo nestes termos:
11Así fala o Señor dos Exércitos: "Pídelles ós sacerdotes un ditame sobre esta cuestión: 12Se alguén leva carne consagrada na aba do seu manto e toca coa aba o pan, o guisado, o viño, o aceite ou calquera comida, consagra estas cousas?"
Responderon os sacerdotes.
"Non!"
13Logo Axeo díxolles:
"Se unha persoa, impura por tocar un cadáver, toca calquera destas cousas, vólveas impuras?"
Respondéronlle os sacerdotes:
"Vólveas impuras".
14Entón replicoulles Axeo:
"Así é este pobo, así é esta nación na miña presenza —oráculo do Señor—, así é toda obra das súas mans e o que presentan aquí: está impuro".
Os comezos da reconstrución do templo, sinal da bendición divina
15Era o día vinte e catro do mes sexto.
Pois agora, aplicade o voso sentido desde o día de hoxe e para atrás:
antes de pordes pedra sobre pedra no santuario do Señor, 16que erades?
Cando iades á arca do gran por vinte medidas, soamente había dez.
Cando iades á pipa para quitar cincuenta olas, soamente había vinte.
17Tíñavos castigado coa praga do cornizó e coas meras;
co pedrazo tiña castigado todas as obras das vosas mans,
e non estaba convosco o meu poder —é o Señor quen fala—.
18Aplicade o voso sentido desde o día aquel para atrás,
desde o día vinte e catro do noveno mes,
si, desde o día en que se puxeron os cimentos do santuario do Señor,
aplicade o voso sentido.
19Poderá quedar aínda a semente na arca?
A viña, a figueira, o granado e a oliveira non deron froito?
Desde o día aquel quérovos bendicir.
Promesa de restauración mesiánica dirixida a Zerubabel
20A palabra do Señor veulle por segunda vez a Axeo, o día vinte e catro do mes, nestes termos:
21Fálalle así a Zerubabel, gobernador de Xudá:
"Eu vou conmover o ceo e mais a terra,
22vou botar abaixo os tronos dos reinos
e acabar co poder dos reinos nos pobos,
vou derrubar os carros que os conducen,
e baixarán os cabalos e os seus cabaleiros,
(cada un caerá coa espada do seu irmán).
23No día aquel —é o Señor—, Deus dos Exércitos quen fala—
collereite a ti, fillo de Xealtiel, o meu servo
—oráculo do Señor—,
e farei de ti coma un anel de selo,
porque é a ti a quen escollín"
—é o Señor dos Exércitos quen fala—.
Currently Selected:
Axeo 2: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT