Sabedoría 19
19
O paso do mar Rubio
1Mais sobre os impíos abateuse ata a fin un furor desapiadado
pois Deus prevía o seu futuro proceder:
2que, despois de deixalos partir
e despedilos con présa,
cambiando de parecer, perseguiríanos.
3Aínda, en efecto, ocupados en facer o pranto
e laiándose a carón das covas dos defuntos,
decidiron outro proxecto insensato:
perseguir coma fuxitivos ós que forzaran a saír con rogos.
4Ata tal punto os arrastrou o fado merecido
facéndoos esquecer o pasado,
para que enchese a medida do castigo que faltaba ás súas coitas.
5E en tanto que o teu pobo descubría unha etapa insospeitada,
eles pola súa banda atoparon unha estraña morte.
Dimensión cósmica da liberación
6Porque a creación enteira, cumprindo os teus mandados,
trocouse de novo no seu propio natural
para que os teus fillos fosen conservados salvos;
7Apareceu a nube sombreando o campamento,
xurdiu terra enxoita do que antes fora auga;
un vieiro practicable no mar Rubio;
verdecente campía, do que fora mareira forte.
8Por alí foron pasando, mesto pobo, os que ti protexías coa túa man,
ollando estupendos prodixios,
9Apacentados coma poldros,
choutando coma años,
e loándote a ti, Señor, que os ceibaras.
10Relembrábanse aínda do que lles acontecera no exilio:
como en troques de criar animais, a terra producira mosquitos,
como en lugar de peixes, o río librou moreas de ras.
11Máis adiante ollaron un novo nacer das aves
cando, devecendo de fame, demandaron un manxar escolleito,
12pois para deixalos fartos alzáronse do mar os paspallás.
Excursos: castigo de Sodoma
13Os pecadores, non obstante, sobreviñéranlles castigos,
non sen os signos precursores de lóstregos violentos.
E xustamente sufriron polas súas propias culpas
por odiaren tan duramente ós estranxeiros:
14Uns non acolleron os descoñecidos ó chegaren;
os outros escravizaron os hóspedes benfeitores.
15E non soamente isto. Mais que conta se lles ha de demandar?
Pois se aqueles recibiron hostilmente os estranxeiros.
16estes, despois de agasallalos con festas
e cando xa participaban dos mesmos dereitos,
maltratáronos con rudos traballos.
17Feriunos xuntamente a cegueira
—do mesmo modo ca a aqueles outros á porta do xusto—
cando, envoltos na pecha escuridade,
cadaquén buscaba apalpando a entrada da súa porta.
Prosegue o tema da liberación cósmica
18Os elementos intercambiábanse entre eles
coma as notas da arpa poden mudar o ritmo
mantendo o mesmo ton;
pódese tal deducir exactamente dando unha ollada ós feitos:
19Os animais terrestres trocábanse en acuáticos,
os que nadan camiñaban pola terra,
20o lume mantiña a súa forza na auga
e a auga esquecía a súa virtude de apagar.
21Pola contra, as labaradas non consumían
as carnes dos febles animais que camiñaban por medio delas,
nin desfacían aquel xénero de manxar celeste
semellante á xeada, tan doado de derreter.
Confesión conclusiva
22Abofé, Señor, que de todo xeito engrandeciches e glorificaches o teu pobo,
e non te deixaches de asistilo, manténdote ó seu carón en todo tempo e lugar.
Currently Selected:
Sabedoría 19: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT