Sabedoría 18
18
1Para os teus santos, en troques, xurdía a suma luz;
os outros, ó escoitar a voz sen ollar a figura,
dábanlles parabéns por non teren sufrido coma eles;
2Agradecíanlles que, sendo antes ofendidos, non se vingasen,
e rogaban o perdón por teren sido hostís.
3Pola outra banda proporcionaches ós teus
unha columna flamexante,
guieiro nun camiño non sabido
e sol inofensivo dunha emigración sonada.
4Os outros eran en verdade merecentes de seren privados da luz
e prisioneiros das tebras,
pois mantiveran encadeados ós teus fillos,
por medio dos que se ía conceder ás idades a luz incorruptible da túa lei.
Quinto contraste: liberación do pobo de Deus en lugar da morte dos primoxénitos exipcios. A noite da liberación
5Cando deron en matar os nenos dos santos,
—só un pequeno expósito foi salvado—
arrebatácheslles en castigo unha multitude de meniños
e fixéchelos perecer por xunto nas augas impetuosas.
6Aquela noite fóralles anunciada de antemán ós nosos pais de modo que, sabendo de certo a que promesas deran creto, se sentisen fortes.
7O teu pobo estaba xa á espera
da salvación dos xustos e do exterminio dos inimigos;
8co mesmo feito co que castigabas os adversarios
déchesnos sona convocándonos a ti.
9As agachadas facían sacrificios os piadosos fillos dos xustos
e, postos de acordo, impuxeron esta divina lei:
que os santos compartisen por xunto os bens e os perigos
—ó tempo que xa entoaban os himnos dos antepasados—.
10Facíalles eco o discorde clamor dos inimigos,
ó difundirse o lúgubre laio polos fillos chorados;
11con pena semellante eran castigados o escravo e mais o amo,
e tanto padecían o paisano coma o rei.
12Todos por igual e co mesmo xénero de morte
contaban defuntos sen número
e os vivos non daban feito a soterralos
xa que nun momento se consumira o mellor da súa caste.
13Así os que de seu non crían, por mor dos feitizos
e ante o exterminio dos primoxénitos,
tiveron que confesar que aquel pobo era fillo de Deus.
14Pois, cando un silencio mainiño o envolvía todo
e a noite ía mediada na súa pronta carreira,
15deborcouse a túa verba omnipotente desde o ceo, o teu trono real,
coma guerreiro inexorable,
botándose no medio dun país consagrado ó exterminio.
16Levaba coma espada afiada o teu decreto irrevogable;
erguéndose, encheuno todo de
morte;
tocaba no ceo mentres camiñaba sobre a terra.
17Entón foi cando de súpeto os conmoveron pesadelos terribles
e apoderáronse deles temores impensados;
18deitados acó e aló por terra, medios mortos,
daban testemuño de cal era a causa da súa morte,
19pois os soños que os axitaran xa os amoestaban,
de xeito que non perecesen sen saberen o motivo daquel mal que sufrían.
Digresión: expiación e purificación
20Tamén ós xustos lles chegou a proba da morte,
e houbo no deserto grande mortaldade;
con todo, a carraxe non durou moito tempo,
21xa que un home sen chata loitou na primeira liña
coas armas do seu ministerio:
a oración e o incenso da expiación.
Opúxose á carraxe e deu remate á desfeita
demostrando ser ministro teu.
22Venceu aquela ira, non coa forza do corpo,
nin co pulo das armas;
mais coa palabra desarmou ó que castigaba,
relembrando os xuramentos e os pactos feitos cos devanceiros.
23Cando xa os cadáveres se amoreaban uns por riba doutros,
erguéndose no medio, contivo a carraxe
coutándolle o camiño ata os vivos.
24Pois sobre a súa veste talar estaba todo o universo
e as glorias dos devanceiros na cuádrupla ringleira de pedras preciosas,
e a túa maxestade na diadema da súa cabeza.
25Ante tales obxectos retrocedeu o exterminador cheo de respecto,
pois xa abondaba co mero amosar da túa ira.
Currently Selected:
Sabedoría 18: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT