Eclesiástico 1
1
PARTE PRIMEIRA: O Libro das Máximas (1, 1-42, 14)
Volume I
Loanza da Sabedoría
1Toda Sabedoría vén do Señor
e fica onda El para sempre.
2A area dos mares, as pingas da chuvia
e os días da eternidade quen poderá contalos?
3O alto do ceo, o grande da terra,
o fondo do abismo quen os sondará?
4-5Antes de todo foi creada a Sabedoría,
a intelixencia prudente desde a eternidade.
6-7A raiceira da Sabedoría a quen se lle revelou?
E os seus planos secretos quen os coñeceu?
8Non hai máis ca un que sexa Sabio e moi terrible
cando asenta no seu trono:
9O Señor!
Foi El quen a creou, mirou e mediu;
e esparexeuna sobre todas as súas obras,
10entre todos os seres vivos, conforme a súa xenerosidade;
e déullela en agasallo ós seus amigos.
A actitude relixiosa
11O temor do Señor é boa sona e motivo de orgullo,
gozo e coroa de xúbilo.
12O temor do Señor dá folgos ó corazón,
procúralle gozo, ledicia e vida longa.
13Para quen teme ó Señor todo remata ben,
no día do seu pasamento será bendicido.
14O principio da Sabedoría é temer o Señor;
xa no seo materno foi creado xunto cos fieis.
15Entre os homes fixo un niño, alicerce eterno,
e hase manter leal a carón da súa caste.
16Plenitude da Sabedoría: temer o Señor;
pois dos seus froitos embebédaos;
17énchelles todo o casal de tesouros
e os piornos dos seus produtos.
18Coroa da Sabedoría é o temor do Señor
que fai florecer a paz e a cura saudable.
19Fai orballar a ciencia e o coñecer intelixente
e agranda a sona dos que a posúen.
20-21A raiceira da Sabedoría é temer o Señor;
e as súas pólas, a lonxevidade.
Ser sabio é ser paciente
22Quen sen razón se alporiza non sairá impune
pois o pulo da paixón fará a súa ruína.
23O paciente, con todo, mantense ata o momento oportuno,
e ó remate a ledicia recompénsao.
24Contén por certo tempo as súas razóns
mais moitas bocas pregoarán o seu siso.
Ser sabio é ser piadoso
25Entre os tesouros da Sabedoría atópase o modelo da prudencia,
mais para o pecador a relixiosidade é de aborrecer.
26Cobizas a Sabedoría? Garda os mandamentos!
O Señor daracha a eito;
27porque Sabedoría e instrución é o temor do Señor
e quen o deleita son a sinceridade e a humildade.
Ser sabio é ser auténtico
28Non andes con retrancas perante o temor do Señor
nin te achegues a El cun corazón dobre.
29Non fagas o hipócrita diante da xente
e pon tino nos teus labios.
30Non te exaltes, non sexa que caias
e atraias a infamia;
pois o Señor descubrirá os teus segredos
e botaríate por terra no medio da asemblea
por te achegares ó temor do Señor
levando o corazón cheo de engano.
Currently Selected:
Eclesiástico 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT