Bible App logo
Search Icon

Sabedoría 17

17
Cuarto contraste: columna de lume en lugar das tebras
1Grandes e inexplicables son os teus xuízos,
por iso as almas indóciles erraron.
2Cando homes impíos teimaron poder oprimir a nación santa,
xacían encadeados nas tebras e prisioneiros dunha longa noite,
pechados baixo os seus teitos, fuxitivos da eterna providencia;
3coidando que ficaban escondidos os seus pecados secretos
baixo do mesto veo do esquecemento,
foron espantados, terriblemente arrepiados,
conturbados por alucinacións,
4pois nin o tobo que os acollía os defendeu do pavor:
rebumbios medorentos bruaban ó seu arredor
e aparecíanlles pantasmas tristeiras de facianas tétricas.
5Non houbo lume ningún que os puidese alumar;
nin as brillantes labaradas dos astros
foron tales de iluminar aquela fusca noite.
6Soamente se lles amosaba
unha fogueira arrepiante, acesa de seu;
e abraiados ó esvaecer aquela visión,
coidaban que o que viran fora aínda peor do que era.
7As ilusións da arte máxica caían fracasadas
e foi vergoñento o descrédito da súa fachendosa ciencia,
8pois aqueles que se daban aires de poder afastar os medos e
as turbacións dun espírito doente,
eles mesmos sufrían un temor ridículo,
9xa que o mesmo suposto que non os espantase cousa medorenta,
aterrados polo paso dos bechos e os asubíos das cóbregas,
10morrían de pavor estarrecidos,
refugando mesmo ollar para o aire que non podían evitar.
11Pois a malicia é covarde de seu, e niso dá testemuño contra si:
acosada pola conciencia, presupón sempre o peor.
12O medo, en efecto, non é senón o desamparo das axudas da reflexión.
13Canto máis pequena é a esperanza interior,
meirande semella a razón ignorada do tormento.
14Así, naquela noite verdadeiramente impotente,
xurdida das entrañas do abismo estéril,
mentres durmían todos o mesmo sono,
15en parte eran abouxados por pantasmas monstruosas,
en parte ficaban tolleitos polo abatemento da alma
ó se sentiren invadidos por un medo súbito e impensado;
16de xeito que, quenquera que alí caese
quedaba aferrollado, pechado coma nun cárcere sen cadeas;
17fose labrego ou pastor,
ou obreiro que traballa por si,
sorprendido, tiña que soportar o fado ineludible,
18pois todos ficaban atados pola cadea das tebras.
O zoar do vento,
o rechouchío melódico dos paxaros nas mestas silveiras,
o balbordo das augas baixando impetuosas,
19o rouco estrondo das rochas que se esfragan,
o correr invisible de bestas desbandadas,
o bruar das feras máis salvaxes,
o eco a retumbar nas fouces das montañas,
todo os paralizaba estarrecidos.
20E mentres o mundo todo resplandecía cunha luz de raxeira
dedicándose sen tropezos aos seus labores,
soamente sobre eles premía unha noite abafante,
imaxe da tebra que estaba para envolvelos.
E así eran eles para si mesmos máis pesados cás tebras.

Currently Selected:

Sabedoría 17: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in