Bible App logo
Search Icon

Sabedoría 16

16
1Por iso foron xustamente castigados por seres semellantes,
atormentados dunha praga de bechos.
2En troques, ó teu pobo, en lugar de castigalo, favorecíchelo
preparando coma xantar para o seu apetito ardente
un alimento extraordinario: os paspallás!
3De sorte que, mentres aqueles, aínda que esfameados,
perdían o apetito do máis necesario
polo noxo que lles daban os bechos que lles enviaches,
estes, despois de pasaren privacións por pouco tempo,
gustaron o sabor dun xantar exquisito;
4pois cumpría que a tales opresores lles sobreviñese unha carestía insoluble
e a estes soamente se lles indicase como eran atormentados os seus inimigos.
Digresión: o castigo das serpentes, unha instrución divina
5En efecto, cando se abateu contra eles a terrible carraxe das feras
e perecían coas picaduras das retortas cóbregas,
non mantiveches ata a fin a túa ira.
6Por un momento espantáchelos para que ficasen avisados,
mais tiñan un sinal de salvación
en lembranza do mandado da túa lei;
7e quen volvía cara a ela era salvado
non pola forza do contemplado,
senón por ti, salvador de todos.
8Deste xeito convenciches os nosos inimigos
de seres ti quen libera de todo mal.
9A eles matáronos as picaduras dos saltóns e das moscas
e non houbo remedio para as súas vidas:
tiñan merecido o seren castigados por tales bechos;
10mais cos teus fillos non puideron nin os dentes das cóbregas pezoñosas
pois valeulles para salvalos a túa misericordia;
11eran aguilloados para se lembraren das túas verbas,
e salvados de seguido,
de xeito que non caesen nun profundo esquecemento
e para se manteren atentos ós teus beneficios;
12xa que non foi herba nin emplasto o que os sandou,
senón, Señor, a túa verba que todo o cura.
13Pois ti dispós da vida e mais da morte,
fas baixar ata as portas do Hades e retornar.
14O home, ben certo, pode matar pola súa maldade,
mais unha vez fuxido o espírito
non é quen de facelo volver
nin de ceibar unha alma xa encadeada.
Terceiro contraste: maná en lugar da treboada
15Fuxir da túa man non é posible
16e os impíos que negaron coñecerte
foron fustrigados polo teu potente brazo,
perseguidos por estrañas chuvias, sarabiadas e chuvieiras sen parada
e aniquilados polo lume.
17E o máis extraordinario foi que, na auga, que o apaga todo,
o lume alampaba máis forte.
18As veces esmorecía a chama
para non queimar os animais enviados contra os impíos
e para que eles se decatasen, ó velo, de seren perseguidos polo xuízo de Deus;
19outras veces ardía no medio da auga con máis virtude có lume
para destruír os produtos dunha terra inicua.
20O teu pobo, con todo, alimentáchelo cun manxar de anxos
e distribuícheslles sen esforzo un pan xa preparado desde o ceo
que contiña todos os sabores gorentosos, axeitándose ó gusto de cadaquén.
21Este sustento revelaba a túa dozura cos teus fillos
xa que, axeitándose ó degoiro de quen o recollía,
trocábase naquilo que cadaquén arelaba.
22A neve e mais o xeo resistían o lume e non se derretían
para se decataren eles de que o lume consumía os froitos dos inimigos,
ardendo entre a sarabia e lostregando por medio dos ballóns,
23mentres que, noutra ocasión, para se alimentaren os xustos,
chegou a esquecer a propia virtude.
24Porque a creación, servíndote a ti, o seu facedor,
é rexa cando castiga os malvados,
mais amolece para facer ben ós que en ti afiúzan;
25por tal razón, daquela, transformándose en moitas cousas
púxose ó servizo da túa xenerosidade que a todos nutre
de acordo coa arela dos necesitados,
26para que os teus fillos, Señor, os que tanto amas, aprendesen
que non é a variedade de froitos a que alimenta ó home,
senón a túa verba que conserva os que en ti cren.
27Pois o que non era consumido polo lume
derretíase logo coa calor dunha lene raiola do sol,
28para que fose patente que cómpre erguerse antes do sol para darche as grazas,
e conversar contigo antes do abrente,
29pois a esperanza do ingrato esvaece coma a xeada da invernía
e esvara coma auga inútil.

Currently Selected:

Sabedoría 16: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in