Tobías 8
8
1Rematada a comida e bebida, quixeron deitarse. Conduciron o mozo ata a habitación. 2Tobías lembrouse das palabras de Rafael: sacou do seu bolso o fígado e o corazón do peixe e púxoo sobre os tizóns do braseiro. 3O ulido do peixe detivo ó demo, que fuxiu polos aires, camiño dos desertos de Exipto. Rafael foi aló e encadeouno alí mesmo. 4Despois deixou a Tobías e pecharon a porta da habitación. El ergueuse do leito e díxolle á moza:
—"Érguete, irmá, recemos, e supliquemos ó Señor para que nos conceda a súa misericordia e saúde".
5Ela ergueuse e puxéronse a rezar e a suplicar, para que se lles concedese a saúde. E el dixo:
—"Bendito sexas, ti, Deus de nosos pais.
Bendito o teu nome en todas as xeracións do futuro.
Que te loen os ceos e toda a creación en todos os séculos.
6Ti creaches a Adam,
e fuches ti quen lle deches unha axuda e sostén, a súa muller Eva,
e de ambos naceu a raza dos homes.
Fuches ti quen dixeches:
Non está ben que o home viva só:
fagámoslle unha axuda semellante a el.
7Agora, pois, non é desexo ilexítimo o que me move a tomar
por esposa esta irmá que teño aquí; senón o amor de verdade.
Ordena que se nos outorgue misericordia tanto a ela como a min,
e que cheguemos xuntos á vellez".
8Despois dixeron á vez:
—"Amén, amén".
9E deitáronse para pasar a noite.
Reuel, pola súa banda, levantouse e xuntou os servidores. Foron cavar unha tumba. 10Reuel, en efecto, dixérase: —"Pode que morra; non seriamos obxecto de riso e burla?" 11Cando remataron o seu labor, Reuel volveu á casa e chamou a súa muller. 12Díxolle:
—"Manda unha das túas criadas á habitación para ver se está vivo: deste xeito, se está morto, poderemos enterralo sen que ninguén saiba nada".
13Advertiron á serventa do que podía pasar, prenderon a lámpada e abriron a porta; ela entrou e viu que durmían xuntos profundamente. 14Ela saíu dar a noticia:
—"Está vivo, todo vai ben".
15Entón bendiciron o Deus do ceo, dicindo:
—"Bendito sexas, oh Deus, digno de toda bendición.
Que se te loe polos séculos.
16Sexas bendito pola consolación que me deches,
pois non foi como eu pensaba,
senón que nos trataches con misericordia.
17Bendito sexas por teres compaixón de dous pobres fillos únicos.
Móstralles, Señor, a túa misericordia e salvación
e fai que a súa vida transcorra na ledicia e na graza".
18E mandou ós seus servidores que cegasen a tumba antes da alborada.
O festín das vodas
19Reuel díxolle á súa muller que preparase pan en cantidade; despois, que trouxese da corte dous bois e catro carneiros e que os aderezase. E comezaron os preparativos. 20Chamou a Tobías e manifestoulle:
—"Durante catorce días non te moverás de aquí; senón que seguirás comigo, comendo e bebendo, enchendo de gozo o corazón da miña filla, que aínda está impresionada polo golpe das súas desgrazas. 21Colle xa desde agora a metade de todos os meus bens, e retornarás sen dificultade ningunha onda teu pai. A outra metade será túa cando morramos a miña muller e eu. Animo, querido fillo, eu son o teu pai e Édnah a túa nai. Estamos contigo e coa túa irmá, desde agora e por sempre. Animo".
Dereitos reservados: SEPT