Tobías 7
7
Casamento de Tobías
1O entraren en Ecbátana, dixo Tobías:
—"Azarías, meu irmán, lévame dereitiño á casa do noso irmán Reuel".
O anxo conduciuno á casa de Reuel. Encontrárono sentado diante da porta do patio e adiantáronse a saudalo. El díxolles:
—"Saúde, irmáns, sexades benvidos".
E fíxoos entrar na súa casa. 2Díxolle á súa muller Édnah:
—"Canto se semella ese mozo ó meu irmán Tobit!"
3Édnah preguntoulles:
—"De onde sodes, irmáns?"
Contestaron:
—"Da casa dos fillos de Naftalí, deportados a Nínive".
4Ela dixo entón:
—"Coñecedes o noso irmán Tobit?"
Responderon:
—"Si que o coñecemos".
E ela de novo:
—"Como está?"
Responderon:
5—"Moi ben; aínda vive".
E Tobías engadiu:
—"É o meu pai".
6Reuel levantouse dun brinco e abrazouse a el chorando. Logo falou e díxolle:
—"Sexas benvido, fillo. Tes un pai excelente. Que mágoa que un home tan bo, que facía tantas esmolas, quedase cego!"
E botándose ó pescozo do seu irmán Tobías, volveu chorar. 7A súa muller Édnah chorou tamén por Tobit, e a súa filla Sárah tamén empezou a chorar. 8Despois matou un carneiro do rabaño e recibiunos con moito amor.
9Lavados xa e bañados, cando se foron sentar á mesa, Tobías dixo a Rafael:
—"Irmán Azarías, pregúntalle a Reuel se me dá a miña irmá, Sárah".
10Reuel oíu isto e díxolle ó mozo:
—"Come, bebe e aproveita a tarde, pois non lle corresponde a ninguén máis ca a ti, irmán, casar coa miña filla, Sárah, nin eu podo darlla a outro que non sexas ti, pois es o parente máis próximo. Con todo, meu fillo, vouche dicir toda a verdade. 11Xa llela dei a sete homes de entre os nosos parentes, e todos morreron a noite mesma que ían con ela. Pero agora come, fillo, e bebe e o Señor intervirá no teu favor". Mais Tobías dixo:
—"Non comerei bocado nin beberei aquí cousa ningunha mentres non resolvas este asunto".
Reuel díxolle:
—"Moi ben, vouno facer. Xa que ela che pertence segundo a decisión do libro de Moisés; é o ceo quen decide que cha dea. Recibe, pois, a túa irmá. A partir deste momento, ti es o seu irmán e ela a túa irmá. Entrégocha a partir de hoxe e para sempre. O Señor do ceo fará que esta noite sexa boa para ámbolos dous, fillo. Que vos manifeste a súa misericordia e a súa paz".
12Reuel chamou entón a Sárah, ela veu onda el. Tomándoa pola man, entregoulla a Tobías dicindo:
—"Recíbea segundo a Lei e segundo a decisión consignada no libro de Moisés, que cha dá por muller. Tómaa e lévaa sen medo a teu pai. Que o Deus do ceo vos conduza en paz".
13Despois chamou á nai de Sárah e mandoulle traer con que escribir. E redactou o documento do contrato de matrimonio, no que se consignaba que lla daba por muller segundo a decisión da Lei de Moisés. 14Só entón comezaron a comer e beber.
A noite do casamento
15Reuel chamou á súa muller Édnah e díxolle:
—"Irmá miña, prepara a outra habitación e leva a ela a Sárah".
16Édnah foi preparar un leito na habitación, como el lle mandara. Levouna e botouse a chorar por ela; despois limpou as bágoas e díxolle:
17—"Moito ánimo, filla, que o Deus do ceo cambie en ledicia o teu pesar".
E saíu.
Dereitos reservados: SEPT