Tobías 6
6
A captura dun peixe
1Cando saíron, mozo e anxo, o can foi canda eles. Camiñaron xuntos ata que se fixo de noite, e acamparon á beira do río Tigris. 2O mozo baixou ata o Tigris para lavar os pés. Entón un gran peixe saltou fóra da auga e intentou engulirlle un pé. O rapaz deu un berro. 3O anxo díxolle:
—"Píllao, non o deixes liscar".
Tobías agarrouno e sacouno fóra. 4O anxo díxolle:
—"Ábreo, quítalle o fel, o corazón e mais o fígado, e ponos a un lado, pois serven de medicina; as tripas tíraas".
5O rapaz abriu o peixe, recolleu o fel, o corazón e o fígado, e asou un anaco, comeuno, e salgou o resto.
6Seguiron o camiño os dous xuntos ata as proximidades de Media. 7Entón Tobías preguntoulle ó anxo:
—"Irmán Azarías, que remedios se sacan do corazón, do fígado e do fel do peixe?"
8El respondeulle:
—"Se un home ou unha muller se ven atacados por algún demo ou espírito malo, faise subir diante deles o fume do corazón e do fígado do peixe e xa non os volve atacar; quedan ceibes para sempre. 9Referente ó fel, untas con el os ollos do que padece leucomas, sopras sobre eles e curan".
Plano de casamento
10Chegados á Media, acercábanse xa a Ecbátana 11cando Rafael lle dixo a Tobías:
—"Amigo Tobías".
El respondeulle:
—"Que?"
O anxo dixo:
—"Hoxe imos facer noite na casa de Reuel. É o teu parente e ten unha filla chamada Sárah. 12É filla única. Ti es o parente con máis dereitos para casares con ela e herdares os bens de seu pai. É unha virxe reflexiva, decidida, encantadora e seu pai é un home de ben".
13E dixo máis:
—"Ti tes o dereito de recibila por esposa. Escóitame, pois, irmán: voulle falar esta mesma tarde da rapaza ó pai para podela obter como prometida; e cando volvamos de Raguex, celebraremos o casamento. Eu sei que Reuel non cha pode negar en absoluto nin darlla a outro, pois incorrería na pena de morte, segundo o veredicto do libro de Moisés, polo feito de que tes ti a prioridade de obtela por esposa. Escóitame, pois, irmán: vamos esta mesma tarde falarlle da filla e pedirlla en matrimonio; e, cando regresemos de Raguex, tomarémola e levarémola connosco á túa casa".
14Tobías respondeu entón a Rafael:
—"Azarías, meu irmán: oín dicir que xa foi dada a sete maridos e que todos eles morreron na cámara nupcial; a noite mesma en que entraban onda ela, morrían. Algúns dicían que se trataba dun demo que os mataba, 15de aí que, neste momento, teña medo. A ela non lle facía mal ningún, mais ó que se achegase a ela, o inimigo matábao. Eu son fillo único de meu pai. Se eu morro tamén, farei baixar á tumba a vida de meu pai e de miña nai, cheos de dor por culpa miña. E non teñen outro fillo que os enterre".
16Rafael díxolle:
—"Esquecícheste das instrucións de teu pai, como che mandou que escolleses unha muller da casa do teu parente? Polo tanto, escóitame, irmán, e non tremas por ese demo, e recíbea por esposa. Sei, ademais, que esta mesma tarde cha dará por muller. 17Mais cando entres na cámara nupcial, colle un cacho de fígado do peixe, xunto co corazón, e pono nunhas brasas. O ulido estenderase e o demo notarao e fuxirá e non volverá xa máis e ninguén o ollará novamente arredor dela. 18Cando chegue o momento preciso de te xuntares con ela, levantádevos antes os dous, rogade e suplicade ó Señor do ceo que teña compaixón de vós e vos conceda a saúde. Non teñades medo, pois é a ti a quen está destinada desde sempre e es ti quen a debes salvar. Ela seguirate e asegúroche que terás fillos dela, que che serán como irmáns. Non te acovardes".
19Unha vez oídas por Tobías estas palabras de Rafael e asegurado de que ela era para el unha irmá, da raza e da casa de seu pai, empezou a amala apaixonadamente e o seu corazón afeccionouse a ela.
Dereitos reservados: SEPT