Skip to content

Tobías 5

5
Preparativos da viaxe
1Entón Tobías respondeu ó seu pai Tobit:
—"Farei, papá, todo canto me ordenaches. 2Mais como poderei recuperar esa prata, pois eu non coñezo ese home nin el a min? Que sinal lle vou dar para que me recoñeza, se fíe de min e me dea a prata? E, ademais, non sei o camiño para ir á Media".
3Tobit respondeu ó seu fillo Tobías:
—"Teño unha acta asinada por el; eu asineina tamén e partina á metade e cada un ten unha parte, pois a súa quedou coa prata. Hai xa vinte anos que a deixei en depósito. Polo tanto, filliño, busca agora a alguén de confianza para que te acompañe; pagarémoslle un salario ata a volta. Vai, pois, recoller esa prata á casa de Gabael".
4Tobías saíu en busca de alguén que o puidese acompañar á Media; un que coñecese ben o camiño. Non tardou en se atopar co anxo Rafael en pé diante del; mais non pensou que fose un anxo de Deus. 5Díxolle:
—"De onde es ti, amigo?"
O anxo respondeulle:
—"Son un fillo de Israel, un dos teus irmáns e vin por aquí para traballar".
Tobías díxolle:
—"Coñeces ti o camiño para ir á Media?"
6O anxo respondeulle:
—"Si, estiven alí moi a miúdo, coñezo todos os camiños de memoria. Fun ben veces á Media e hospedeime na casa de Gabael, o noso irmán, que vive en Raguex de Media. Hai dous días de camiño normal desde Ecbátana a Raguex, pois Raguex está na montaña, e Ecbátana no val".
7Tobías díxolle:
—"Agárdame, amigo, mentres llo vou dicir ó meu pai, pois faime falta que veñas canda min, e xa che pagarei o teu salario".
8El díxolle:
—"Moi ben, seguirei aquí, mais non te demores".
9Tobías foi informar ó seu pai Tobit e díxolle:
—"Xa dei cun israelita de entre os nosos irmáns".
Tobit contestou:
—"Chámamo, que quero saber de que clan e de que tribo é, e se podo contar con el para te acompañar".
10Tobías saíu chamalo e díxolle:
—"Amigo, chámate meu pai".
O anxo entrou na casa e Tobit adiantouse a saudalo. El respondeu:
—"Deséxoche benestar en abundancia".
Tobit replicou:
—"Que benestar vou ter? Estou cego, sen poder ver a luz do ceo. O meu camiñar é nas tebras, como os mortos que non contemplan máis a luz. Vivindo, habito cos mortos, oio a voz da xente, pero non a vexo".
O anxo díxolle:
—"Ten coraxe; Deus curarate moi axiña; coraxe".
Tobit, entón, preguntoulle:
—"Meu fillo Tobías ten a intención de ir á Media, poderías ti acompañalo e servirlle de guía? Eu pagareiche o teu salario, irmán".
El contestou:
—"Estou disposto a facelo, coñezo todos os camiños, fun a Media a miúdo, e percorrín todas as súas chairas e montañas e coñezo todos os camiños".
11Tobit preguntoulle:
—"Irmán, de que familia es ti e de que tribo? Dimo, irmán".
12El respondeu:
—"E que necesidade tes de coñecer a miña tribo?"
Tobit replicou:
—"Quero, irmán, saber con certeza de quen es fillo e cal é o teu nome".
13El respondeulle:
—"Eu son Azarías, fillo de Hananías o Grande, un dos teus irmáns".
14Tobit díxolle:
—"Sexas benvido, irmán. Non me tomes a mal que quixese saber con certeza de que familia es. Resulta que ti es o noso parente, dunha moi boa familia. Eu coñezo a Hananías e a Natán, ambos fillos do ilustre Xelomit. Viñan comigo a Xerusalén para adorar o noso Deus. Non escolleron mal camiño. Os teus irmáns son xente de ben. Ti es de moi boa cepa. Benvido sexas".
15E dixo máis:
—"Douche como paga unha dracma por día e a mesma mantenza do meu fillo. 16Acompáñao, fai o favor, e engadirei ademais algunha cousa ó teu salario".
17O anxo respondeu:
—"Si, irei con el, non teñas preocupación ningunha. Todo nos irá ben, tanto á saída como á volta; pois o camiño é seguro".
Tobit contestou:
—"Sexas bendito, irmán".
Despois chamou por seu fillo e díxolle:
—"Fillo querido, prepara canto necesites para a viaxe e sae co teu irmán. Que o Deus que está no ceo vos teña aló enriba canda El e que vos conduza sans e salvos e vos faga volver onda min. E que o seu anxo vaia convosco e vos protexa, fillo".
Tobías saíu e púxose en camiño, abrazou o seu pai e a súa nai e Tobit díxolle:
—"Boa viaxe".
18A súa nai empezou a chorar e dixo a Tobit:
—"Por que mandaches saír ó meu fillo? Non é el o bastón da nosa man, o que vai e vén diante de nós? 19Que non se engada ese diñeiro ó que xa temos, pois nada conta ó lado do noso fillo. 20Chegábanos ben a maneira de vivir que o Señor nos foi dando ata aquí".
21Mais el díxolle:
—"Non te atormentes, muller: todo lle irá ben ó noso fillo, tanto á ida como á volta, e os teus ollos verán o día no que retorne a nós san e salvo.
22Deixa, polo tanto, de te atormentares; non te apures por eles, muller, que un anxo vai canda eles; terán unha viaxe feliz e volverá san e salvo".
23E ela parou de chorar.