Tobías 4
4
Testamento de Tobit
1Por ese mesmo tempo, lembrouse Tobit do diñeiro que depositara na casa de Gabael, en Raguex de Media 2e dixo para si: —"Como xa pedín a morte, farei moi ben en chamar o meu fillo e revelarlle a existencia dese diñeiro antes de morrer". 3Chamou, pois ó seu fillo Tobías, que se lle acercou, e díxolle:
—"Entérrame como convén. Honra a túa nai. Non a abandones ningún día da súa vida. Fai todo canto lle agrade. Non a contristes o máis mínimo. 4Acórdate, filliño, de todas cantas pasou ela por ti cando estabas no seu seo. E cando morra, entérraa onda min nunha mesma sepultura.
5Durante todos os teus días, fillo querido, lémbrate do Señor; non consintas en pecado ningún, quebrantando os seus mandamentos. Cumpre as obras de xustiza todos os días da túa vida e non sigas endexamais os camiños da inxustiza, 6porque os que obran con verdade terán éxito nas súas empresas. 7Todos os que practican a xustiza deben recibir esmolas dos teus bens. Que a túa mirada non se entristeza cando fas algunha esmola. Non retires xamais o teu rostro dun pobre, e o rostro de Deus non se arredará de ti. 8Fai a esmola de acordo co que teñas, segundo a importancia dos teus bens. Se tes pouco, non temas facer a esmola segundo ese pouco que tes: 9é un gran tesouro o que almacenas para o día da desgraza, 10pois a esmola libra da morte e impide caer nas tebras; 11en efecto, para cantos a fan, e esmola é unha bela ofrenda ós ollos do Altísimo.
12Gárdate, fillo querido, de toda xuntanza ilegal, e, o primeiro de todo, toma muller da raza de teus pais. Non cases cunha muller estranxeira, que non sexa da tribo do teu pai, porque nós somos fillos de profetas. Lémbrate, filliño, de Noé, Abraham, Isaac, Xacob, os nosos pais: desde os tempos remotos tomaron todos muller de entre a súa parentela, e así foron benditos nos seus fillos e a súa raza terá a terra en herdanza. 13Así, pois, fillo meu, que as túas preferencias sexan polos teus irmáns; non te mostres altivo diante deles, dos fillos e fillas do teu pobo, nin te avergoñes de tomar unha muller de entre eles, porque no orgullo hai moita ruína e intranquilidade e na incuria, decadencia e miseria extremas, pois a incuria é nai da fame.
14Non gardes para mañá o salario dun traballador, senón págalle todo de seguida, e se ti serves a Deus, el xa cho pagará. Tente moi á raia, fillo, en todas as túas accións e dá probas da madurez en toda a túa conduta. 15O que non queiras para ti, non llo fagas a ninguén. Non bebas viño ata te emborrachar e que endexamais a borracheira non te acompañe no camiño. 16Dá do teu pan ó que ten fame e roupa ós que están espidos. Co que che sobre fai esmola. Que a túa ollada sexa sen tristura cando fas a esmola. 17Prodiga o teu pan sobre a tumba dos xustos, mais non llelo deas ós pecadores.
18Aconséllate de toda persoa asisada e non despreces xamais un bo consello. 19En toda ocasión, bendí ó Señor o teu Deus e pídelle que faga rectos os teus camiños e que te faga saír airoso de todas as túas empresas e proxectos, pois ningún pobo ten en exclusiva a perspicacia, senón que é o Señor o que dá todo ben, abaixando a quen quere ata o fondo da morada dos mortos.
E agora, fillo, fai o propósito de gardar na memoria estas instrucións e que endexamais se borren do teu corazón. 20Chegou o momento de dicirche, fillo querido, que depositei dez talentos de prata na casa de Gabael, o fillo de Gabrí, en Raguex de Media. 21Polo tanto, non che dea pena de que sexamos pobres; ti posúes unha gran riqueza, se temes a Deus, se foxes de toda clase de pecado e se obras ben ós ollos do Señor o teu Deus".
Dereitos reservados: SEPT