Skip to content

Tobías 3

3
Prego de Tobit
1Embargada a alma por unha gran tristura, enchinme de salaiar e chorar, e entre laios comecei a suplicar:
2—"Ti es xusto, Señor,
e todas as túas obras son xustas.
Todos os teus camiños son fidelidade e verdade,
e es ti quen xulgas o mundo.
3Lémbrate, polo tanto, de min,
olla e non me castigues polos meus pecados
nin polas miñas iniquidades,
nin por canto meus pais faltaron diante de ti.
4Desobedeceron os teus mandamentos,
por iso fomos entregados á pillaxe,
á deportación e á morte,
obxecto de escarnio para todas as nacións,
entre as que nos vemos esparexidos.
5Si, todos os teus xuízos son verdadeiros,
cando me tratas así polos meus pecados e os de meus pais,
porque non cumprimos os teus preceptos
nin camiñamos pola verea da verdade diante de ti.
6Agora, pois, trátame como queiras,
manda que me priven do meu alento,
que desapareza da face da terra
e que volva ser terra.
Mellor me é morrer que vivir,
despois de oír tales aldraxes
e verme invadido pola pena.
Ordena, Señor, que me vexa libre desta angustia,
déixame partir para a eterna morada
e non apartes de min o teu rostro, Señor.
Si, máis me vale morrer
que ter que escoitar toda a vida tales aldraxes".
As desgrazas de Sárah
7Aquel mesmo día ocorreu que Sárah, a filla de Reuel de Ecbátana en Media, foi tamén insultada por unha das servas de seu pai. 8A razón era que ata sete veces estivera casada, e Axmodeo, o demo malvado, matara un por un todos os seus maridos antes de que se unisen con ela, segundo o debido cunha esposa. A criada dicíalle:
—"Es ti a que matas os maridos. Xa fuches entregada a sete, e non levaches o nome de ningún. 9Por que nos atormentas co pretexto da morte dos maridos? Vaite xuntar con eles, e que non proceda de ti nin fillo nin filla".
10Ese día, chea de tristura, botouse a chorar e subiu ata a cámara alta de seu pai coa intención de se aforcar. Pero reflexionou e díxose: —"Non vaian insultar a meu pai, dicíndolle: Só tiñas unha filla querida, e viuse forzada a aforcarse a causa das súas desgrazas. Faría baixar a vellez de meu pai á morada dos mortos pola tristura. É mellor que non me colgue e que suplique ó Señor que me faga morrer para non oír insultos toda a vida".
Pregaria de Sárah
11No mesmo momento, levantou as mans do lado da fiestra e rezou desta maneira:
—"Bendito sexas ti, Deus compasivo.
Bendito o teu nome polos séculos.
Que todas as túas obras te bendigan por sempre.
12Neste momento é a ti a quen levanto o meu rostro
e volvo os ollos.
13Líbrame desta terra
e que non volva oír máis insultos.
14Ti sábelo, Mestre meu, eu mantívenme pura
de todo acto impuro con home.
15Non lixei nin o meu nome nin o de meu pai
sobre esa terra á que fun deportada.
Son a filla única de meu pai,
non ten ningún outro fillo que o herde;
non ten tampouco xunto del nin irmáns, nin parente
para o que me deba reservar como esposa.
Perdín xa sete maridos;
por que vou seguir vivindo?
Mais se non te prace facerme morrer,
entón, Señor, presta oídos ó insulto que se me fai".
Tobit e Sárah, escoitados
16Nese mesmo momento, a pregaria dos dous foi oída na presenza da gloria de Deus 17e Rafael foi enviado para curalos ós dous: a Tobit, quitándolle o mal dos ollos, co fin de que puidese ver a luz de Deus; a Sárah, a filla de Reuel, entregándoa por muller a Tobías, o fillo de Tobit, expulsando dela ese demo protervo, Axmodeo; pertencíalle, en efecto, a Tobías antes que a todo outro pretendente.
Nese instante Tobit pasaba do patio á casa e Sárah, a de Reuel, baixaba do piso alto.