Skip to content

Tobías 2

2
Sufrimentos de Tobit
1Baixo o reinado de Asarhadón, volvín, pois, á miña casa e fóronme devoltos a miña muller Ana e o meu fillo Tobías. Na nosa festa de Pentecoste (a festa das Semanas), preparáronme un bo xantar. Senteime a comer. 2Trouxéronme á mesa gran cantidade de pratos finos, e eu díxenlle entón ó meu fillo Tobías:
—"Vai ver, fillo, se atopas entre os nosos irmáns deportados a Nínive algún pobre que se lembre do Señor con todo o seu corazón e tráemo para que participe do meu xantar; agardarei ata que veñas".
3Tobías saíu en busca dalgún pobre entre os nosos irmáns; pero volveu dicindo:
—"Pai".
Eu respondinlle:
—"Que pasa, filliño?"
El contestou:
—"Papaíño, hai un da nosa nación que foi asasinado e tirado na praza maior, e aínda segue aí, esganado".
4Dei un salto, sen probar bocado, para retirar o cadáver da praza e metelo nunha habitación co fin de enterralo á posta do sol. 5Voltei á casa, bañeime e comín o meu pan con tristura, 6lembrándome da palabra do profeta Amós, proferida contra Betel;
As vosas festas tornaranse en loito
e todos os vosos camiños en lamentacións.
E empecei a chorar. 7A posta do sol, saín, cavei unha fosa e enterreino. 8Os meus veciños burlábanse de min, dicindo:
—"Xa non ten medo. Buscárono para matalo por iso que fai, e tivo que fuxir; e de novo volve enterrar os mortos".
9Aquela noite, despois de me purificar, saín ó patio e deiteime onda o muro, coa cara descuberta pola calor. 10Non sabía que houbese pardais no muro, enriba de min; e, estando cos ollos abertos, caeume neles o seu excremento quente e provocou leucomas. Fun ós médicos, pero cantos máis medicamentos me aplicaban máis cego me poñía, e acabei cego de todo. Estiven sen vista catro anos. Todos os meus irmáns estaban consternados por causa miña, e Ahicar remediou as miñas necesidades durante dous anos, antes da súa marcha para Elimaida.
11Por este tempo, a miña muller Ana conseguira traballo de simple xornaleira. 12Ocupábase en favor dos seus amos e estes dábanlle o seu xornal. O sete do mes de marzo rematou unha peza e entregóullela ós amos, que lle deron a súa paga, xunto cun cabrito de gratificación para comer. 13O aproximarse a min, o cabrito empezou a berrar; eu chameina e díxenlle:
—"De ónde é ese cabritiño? Roubáchelo, acaso? Vólvello ós seus donos. Non temos o dereito de comer o que foi roubado".
14Ela replicoume:
—"Que non, que é un regalo que me fixeron, engadido ó que se me debía".
Pero eu non acababa de crelo e seguíalle dicindo que llelo devolvese ós donos. E con este motivo indigneime contra ela, que me volveu replicar:
—"Onde están as túas esmolas? Onde as túas obras? Todo canto che ocorre está ben claro".