Skip to content

Tobías 1

1
Prólogo
1Libro dos feitos de Tobit, fillo de Tobiel, fillo de Hananiel, fillo de Aduel, fillo de Gabael, fillo de Ariel, da descendencia de Asiel, da tribo de Naftalí, 2deportado de Thibé —ó sur de Quédex de Naftalí, na alta Galilea, enriba de Hasor, detrás da rota occidental, ó norte de Xefat— durante o reinado de Xalmanasar, rei de Asiria.
A vida santa de Tobit
3Eu, Tobit, camiñei toda a miña vida con sinceridade e verdade, e repartín moitas esmolas entre os meus parentes e compatriotas deportados xuntamente comigo en Nínive de Asiria.
4De mozo, cando aínda vivía na miña patria, Israel, separouse toda a tribo do noso pai Naftalí da dinastía de David e de Xerusalén, a cidade elixida entre todas as tribos de Israel para ofrecer sacrificios e ser a morada do Altísimo, santificada para todas as xeracións do futuro. 5Todos os meus parentes e a casa de Naftalí, o meu devanceiro, sacrificaban tamén, sobre todas as montañas de Galilea, ó becerro que Ieroboam, rei de Israel, fabricara en Dan. 6Con moita frecuencia era eu o único que ía a Xerusalén no tempo das festas, de acordo co que ordena un precepto eterno a todo Israel. Eu bulía a Xerusalén coas primicias, tanto dos froitos como dos animais, e co décimo e coa primeira lá das ovellas. 7Entregáballelo todo ós sacerdotes, fillos de Aharón, para o altar. Daba tamén o décimo do trigo, do viño, das oliveiras, das granadas, dos figos e doutros froitos ós fillos de Leví para o servizo en Xerusalén. O segundo décimo descontábao e ía depositar cada ano os cartos a Xerusalén. 8Daba así mesmo o terceiro décimo ós orfos, ás viúvas e ós estranxeiros residentes cos fillos de Israel; leváballelo e dáballelo cada tres anos, e o que nós comiamos era segundo a prescrición da Lei de Moisés e as instrucións dadas por Deborah, a nai de Hananiel, noso pai —pois o meu pai deixárame orfo cando morreu—. 9Xa home, casei cunha muller descendente dos nosos devanceiros e tiven dela un fillo ó que lle dei o nome de Tobías. Ensineille desde a infancia a temer a Deus, e a absterse de todo pecado.
10Deportado a Nínive coa miña muller e co fillo e con toda a miña tribo, todos os meus parentes e compatriotas comían dos manxares dos xentís, 11pero eu gardeime ben de facelo, 12pois tiña moi presente a Deus.
13E o Altísimo fixo que gañase o favor de Xalmanasar, e cheguei a ser o seu provedor, 14e viaxei pola Media, mercando, ata a súa morte, canto necesitaba. Deste xeito, tiven a ocasión de depositar na casa de Gabael, irmán de Gabrí, no país de Media, uns trescentos quilos de prata. 15A morte de Xalmanasar, sucedeuno o seu fillo Senaquerib. As rotas da Media quedaron baixo a insurrección e xa non era posible ir á Media.
16No tempo de Xalmanasar fixen moitas esmolas ós meus irmáns de raza; 17dei do meu pan ós que tiñan fame e vestidos ós que estaban espidos. Se vía o cadáver dalgún dos meus compatriotas tirado trala muralla de Nínive, enterrábao. 18Fun eu quen enterrei todos cantos matou Senaquerib ó volver derrotado de Xudea; o Rei do ceo castigouno polas súas blasfemias e el, alporizado, matou a moitos israelitas. Entón eu, collín os cadáveres e enterreinos ás agachadas. Senaquerib mandou buscalos, mais non apareceron. 19Un ninivita foime denunciar ó rei, declarando que fora eu o que os enterrara. Eu acocheime, e cando souben fixo que o rei o sabía e que me buscaba para me dar morte, fuxín cheo de medo. 20E fun desprovisto de todo canto tiña, e non me quedou nada que non fose confiscado para o tesouro do rei, fóra de Ana —a miña muller— e de Tobías —o meu fillo—. 21Pero antes de corenta días foi asasinado Senaquerib por dous dos seus fillos, que fuxiron ós montes de Ararat. Sucedeuno o seu fillo Asarhadón. Éste puxo a Ahicar, fillo de meu irmán Hanael, á fronte de toda a contabilidade administrativa do reino. 22Entón Ahicar intercedeu por min e puiden baixar de novo a Nínive. Ahicar, en efecto, fora copeiro maior, chanceler, tesoureiro e contable durante o reinado de Senaquerib de Asiria, e Asarhadón repúxoo nas súas funcións. Ademais de ser o meu sobriño, procedía da miña parentela.