Skip to content

Tobías 11

11
Curación de Tobit
1Como xa se aproximaban a Acrim, diante de Nínive, Rafael dixo:
2—"Ti sabes ben en que situación deixamos a teu pai. 3Imos, pois, adiantarnos á túa muller para preparar a casa mentres chegan os demais".
4E marcharon os dous xuntos. Rafael dixéralle a Tobías: —"Garda o fel e lévao na man". O can seguiu detrás deles. 5Ana estaba sentada, ollando o camiño por onde tiña que vir seu fillo. 6Viuno vir ó lonxe e díxolle ó pai:
—"Alí vén o teu fillo co seu compañeiro".
7Rafael dixo a Tobías antes de que chegase onda o pai:
—"Eu sei que os ollos de teu pai se abrirán. 8Aplícalle o fel do peixe sobre eles: o remedio fará que as nubes que ten salten, e desaparezan os leucomas; entón teu pai recobrará a vista e verá a luz".
9Ana correu para abrazarse no fillo e díxolle:
—"Vólvote ver, meu fillo. Agora xa podo morrer".
E empezou a chorar. 10Tobit levantouse e, cambaleando, saíu pola porta do patio. 11Tobías correu ó seu encontro, co fel do peixe na man, soproulle nos ollos e, apreixándoo, díxolle:
—"Bo ánimo, papá".
12Despois coas dúas mans fíxolle saltar os leucomas dos ollos. 13Entón Tobit botouse ó seu pescozo chorando, e díxolle: —"Vólvote ver, fillo, luz dos meus ollos". 14Logo dixo:
—"Bendito sexa Deus.
Bendito o seu nome grande.
Benditos sexan todos os seus anxos.
Que o seu nome grande sexa sobre nós.
Benditos sexan todos os seus anxos en todos os séculos.
Pois o Señor, que me ferira,
permíteme agora ver o meu fillo Tobías".
15Tobías entrou na casa moi feliz; bendicindo a Deus en alta voz. Explicoulle ó seu pai o gran éxito da súa viaxe, como traía toda a prata e tamén como casara con Sárah, a filla de Reuel, próxima a chegar, pois xa se encontra ás portas de Nínive.
16Tobit, contento e loando a Deus, saíu ó encontro da súa nora cara ás portas de Nínive. Cando as xentes de Nínive o viron marchar e dar voltas con plena saúde, sen que ninguén o guiase, marabilláronse. Tobit pregoou diante deles que Deus tivera mágoa del, abríndolle de novo os ollos. 17Chegado xunto a Sárah, a muller de seu fillo, Tobías, bendiciuna nestes termos:
—"Sexas benvida, filla. Bendito sexa o teu Deus, que te trouxo onda nós, filla. Bendito sexa o teu pai. Bendito sexa o meu fillo, Tobías, e bendita ti, filla. Entra na túa casa; sexas moi benvida, para ti a bendición e a ledicia; entra, filla".
18Nese día houbo gran gozo entre os xudeus de Nínive. 19Ahicar e Nasbás, os sobriños de Tobit, viñeron tamén onda el, cheos de felicidade.