Tobías 10
10
Tobit e Ana agardando
1Día a día, Tobit facía contas das xornadas necesarias para ir e volver. Xa pasaran os días que el calculaba e o fillo non chegaba. 2Díxose: —"Pode ser que o retivesen aló. Quizais morreu Gabael e non hai ninguén que lle dea o diñeiro". 3E comezou a preocuparse. 4A súa muller Ana dicía:
—"O meu fillo pereceu, xa non está entre os vivos".
E as bágoas corrían polos seus ollos e lamentábase dicindo:
5—"Son ben desgraciada, fillo querido: deixeite saír, a ti, luz dos meus ollos".
6E Tobit dicíalle:
—"Cala, non sufras así, irmá, el está ben. Sen dúbida, tiveron algún contratempo aló, mais o que o acompaña é seguro, é un dos nosos irmáns. Non temas por el, irmá, pois axiña o veremos aquí".
7Mais ela respondeulle:
—"Non me digas nada, deixa de enganarme: o meu fillo pereceu".
E cada día saía o antes posible da casa e quedábase observando o camiño por onde marchara o fillo, pois non se fiaba de ninguén. Despois da posta do sol, volvía entrar para se lamentar e chorar toda a noite sen poder durmir.
Tobías de volta
8Pasados os catorce días de festa que Reuel xurara celebrar en honra da súa filla, Tobías veulle dicir:
—"Déixame marchar, pois ben sei que meu pai e miña nai xa non teñen esperanza de me volveren ver. Por iso, rógoche encarecidamente, papaíño, que me deixes partir e volver á casa de meu pai; xa che expliquei en que situación tan crítica quedou".
9Pero Reuel dixo a Tobías:
—"Queda, fillo, queda comigo. Mandarei mensaxeiros ó teu pai Tobit e daranlle noticias túas".
Tobías respondeulle:
—"Non, non, suplícoche que me deixes volver á casa de meu pai".
10Entón Reuel entregoulle a Tobías a súa esposa Sárah, e a metade dos seus bens, criados, criadas, bois e ovellas, asnos e camelos, vestidos, prata e obxectos diversos. 11E deixounos saír moi ledos. Saudou a Tobías nestes termos:
—"Pórtate ben, fillo, e que teñas boa viaxe. Que o Señor do ceo vos guíe, a ti e á túa muller Sárah, e que eu poida ver os vosos fillos antes de morrer".
12E á súa filla Sárah díxolle:
—"Vai á casa do teu sogro, pois desde agora son os teus pais, como os que che deron a vida. Vai en paz, filla, e que sempre oia falar ben de ti mentres viva".
13Édnah, á súa vez, dixo a Tobías:
—"Fillo e irmán moi querido, que o Señor te conduza e que eu poida vivir e ver os teus fillos e de Sárah antes de morrer. Na presenza do Señor, confío a miña filla ós teus coidados. Non a contristes ningún día da túa vida. Fillo, vai en paz. Desde agora eu son a túa nai e Sárah a túa irmá. Sede felices ti e ela xuntos durante todos os días da vosa vida".
Despois ela deulles unha gran aperta ós dous e deixounos saír cheos de felicidade. 14Deste xeito saíu Tobías da casa de Reuel feliz e ledo, bendicindo ó Señor do ceo e da terra, o Rei do universo, por proporcionar un bo éxito á súa viaxe.
E loou a Reuel e Édnah, súa muller, e díxolles: —"Que poida eu honrarvos todos os días da miña vida".
Dereitos reservados: SEPT