Skip to content

Tobías 12

12
Rafael dixo quen era e foise
1Rematados os festexos da voda, Tobit chamou polo seu fillo Tobías e díxolle:
—"Fillo querido, disponte a pagar o salario do teu compañeiro de rota, engadindo algunha cousa".
2El contestoulle:
—"Papá, canto lle teño que dar? Aínda que lle dea a metade dos meus bens, non fago demasiado. 3Levoume san e salvo, curou a miña muller, recuperou a prata, e curoute a ti tamén. Despois de todo isto, cal pode ser o seu salario?"
4Tobit díxolle:
—"Filliño, é moi xusto que leve a metade de todo canto trouxo".
5Tobías chamouno e díxolle:
—"Colle como salario a metade de todo o que trouxeches e vai en paz".
6Entón Rafael tomounos ós dous á parte e manifestoulles:
—"Bendicide a Deus e celebrádeo diante de todos os viventes polo que fixo convosco. É bo bendicir e cantar o seu nome. Facede coñecer a todos os homes as marabillas de Deus, como se merece. Non sexades neglixentes en cantalas. 7É bo ter oculto o segredo do rei, mais as obras de Deus é bo pregoalas e revelalas. Celebrádeas, pois, como elas merecen.
Facede o ben e non vos atinxirá a desgraza. 8Máis vale a oración con verdade e a esmola xusta cá riqueza con inxustiza. Máis vale facer esmola que amontoar ouro. 9A esmola libra das tebras da morte e limpa de todo pecado e da inxustiza. Os que fan esmola veranse saciados de vida; 10os que cometen pecado e inxustiza son inimigos de si mesmos.
11Agora vouvos dicir toda a verdade sen nada calar. Acabo de vos dicir: É bo esconder o segredo do rei e revelar con toda claridade as obras de Deus. 12Pois ben, cando ti rezabas, o mesmo ca Sárah, era eu quen presentaba as vosas oracións diante da gloria do Señor, e da mesma maneira cando ti enterrabas os mortos. 13Cando non dubidabas en erguerte e deixar a comida para ires enterrar o morto, foi entón cando fun enviado onda ti para te poñer á proba. 14Mais ó mesmo tempo envioume Deus para curarte, o mesmo ca á túa nora, Sárah. 15Eu son Rafael, un dos sete anxos que están diante da gloria de Deus e penetran na súa presenza".
16Ambos a dous, abraiados, caeron rostro a terra, cheos de santo temor. 17Pero el díxolles:
—"Non temades. A paz sexa convosco. Bendicide a Deus por sempre. 18Cando estaba convosco, non se trataba de ningunha cousa miña, senón da vontade de Deus. É a El a quen debedes loar ó longo de toda a vosa vida, é a El a quen debedes cantar. 19Vós vedes agora que eu non comía nada, senón que tiñades unha visión.
20Bendicide, pois, ó Señor neste mundo e celebrade a Deus. Eu torno agora ó que me enviou. Escribide todo canto vos ocorreu".
E elevouse, 21e eles, por moito que ollaron cara ó ceo, xa non o viron. 22Bendicían e cantaban a Deus e celebrábano por todas as grandes obras que fixera por medio da aparición dun anxo.