Bible App logo
Search Icon

Cantares 7

7
Danza da Xulamita
1—Vira, vira, Xulamita!
Vira, vira, que te estamos a ollar!
—Que estades a ollar para a Xulamita
cando se pon a bailar na regueifa?
2—Que xeitoso o teu puntear nas sandalias,
filla de nobre!
As curvas dos teus cadrís son coma aneis,
feitura de man de artista.
3O teu embigo, unha cunca en media lúa,
non terá falta de licor.
O teu ventre é monllo de trigo
cinguido de lirios.
4Os teus peitos son coma dúas crías
xemelgas de gacela.
5O teu pescozo, cal torre de almafí.
Os teus ollos, estanques de Hexbón
xunto á porta de Bat-Rabim.
É o teu perfil coma a torre do Líbano
que vixía Damasco.
6Tes ergueita a cabeza coma o Carmelo;
son as túas trenzas da color da púrpura.
Un Rei prenderíase nos teus rizos!
Palmeira
7Que belida ti es, que agarimosa,
meu amor apaixonado!
8O teu van seméllase á palmeira
e os teus peitos ós acios.
9E dixen eu: Subir hei á palmeira
e coller hei os dátiles!
Serán para min os teus peitos coma acios de vide,
e o teu alento, un aroma de mazás.
10O teu bicar é un viño xeneroso
que corre dereitiño
esvarando por labios e por dentes.
11—Eu son do meu amigo, e de min a súa arela!
Don na aberta campía
12—Ven, meu amigo, e saiamos para o campo;
pasaremos a noite nos lugares,
13e nas viñas habemos de espertar;
veremos se xa xermola a vide,
se xa agroman as flores
e están a abrochar os granados;
alí hei darche os meus agarimos.
14As mandrágoras dan a súa fragrancia;
hai xunto ás nosas portas mil froitos cobizosos,
dos novos e dos secos,
que eu reservei, amigo, para ti.

Currently Selected:

Cantares 7: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in