Cantares 8
8
Se foses meu irmán
1Quen te me dera coma irmán,
criado ós peitos de miña nai!
Se te atopase na rúa,
poderíache dar un bico
e ninguén me aldraxaría.
2Traerte había eu e meterte
na casa da que me criou.
Daríache a beber un viño mesturado,
o doce mosto das miñas granadas.
3Puxo a súa esquerda baixo a miña cabeza,
coa súa dereita unha aperta me está a dar.
4Conxúrovos, meniñas de Xerusalén,
non espertedes nin desveledes o Amor
ata que el queira!
5—Quen é esta que sobe da estepa
do brazo xa do seu amigo?
—Baixo a maceira esperteite,
onde túa nai te deu a luz,
onde por ti sufriu quen te xerou.
6Márcame coma un selo no corazón,
coma un selo no teu brazo!
Pois é rexo coma a morte o Amor,
duros coma o Xeol son os celos;
son os seus lóstregos coruscar de lume,
divina labarada.
7Mil torrentes non o poden amatar
nin alagalo a riada.
Se alguén quixese dar
todo o haber da súa casa en pago do Amor,
ben sería escarnecido.
8Temos unha irmanciña que aínda non ten peitos:
Que faremos nós da nosa irmá
o día en que a veñan pretender?
9Se é coma unha muralla,
sobre ela construiremos un amear de prata;
se é coma unha porta,
contra ela afincaremos un taboado de cedro.
10Son eu unha muralla, son torres os meus peitos,
e fíxenme ós seus ollos coma a que porta a paz.
11Salomón tivera unha viña en Baal-Hamón
e cedeuna ós parceiros,
que lle han arrendar polo froito
ata mil siclos de prata.
12O que é a miña viña, sérveme só a min!
Para ti os miles, Salomón,
e dálles aínda douscentos ós que che gardan as rendas!
13Ti, a que moras nos hortos,
os compañeiros están a escoitarte!
Faime sentir a túa voz!
14Fuxe, meu amigo, e seméllate
á gacela ou ó cervo noviño
polos montes de bálsamo!
Currently Selected:
Cantares 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT