Cantares 1
1
1O mellor dos Cantares, de Salomón.
Limiar: bicos e agarimos
2—Que me bique cun bico da súa boca!
Abofé, mellores son có viño os teus amores,
3mellores có recendo dos teus perfumes;
coma esencia que esvara é o teu nome,
ben é que te amen tanto as raparigas.
4Arrástrame contigo: Corramos!
Introdúzame o Rei na súa alcoba.
Folguémonos en ti, ledas abondo,
Loemos os teus amores máis có viño.
Que ben fan en te amaren!
Moreniña e fermosa
5Morena eu son pero xeitosa
—meniñas de Xerusalén—
coma as tendas de Quedar,
coma as cortinas de Xalmah.
6Non reparedes en que son moreniña:
foi que o sol me queimou.
Fillos de miña nai anoxáronse comigo,
puxéronme de garda nas súas viñas,
e a miña, a miña viña, non a gardei.
Bucólica
7Dime ti, meu ben amado,
onde apacentas?
Onde fas repousar o gando ó mediodía?
Para que hei andar sen rumbo
onda os rabaños dos teus amigos?
8—Non o sabes ti, belida entre as mulleres?
Vai tralas pegadas das ovellas!
Pasta os teus cabuxos
onda as cabanas dos pastores!
Égoa de reis
9A unha egua de carros faraónicos
compárote eu, miña amada.
10Que ben feitas as meixelas entre os pendentes,
e a gorxa entre os colares!
11Farémosche colgantes de ouro puro,
coas doas prateadas!
Aromas
12—Mentres o Rei se deita no diván,
ponse o meu nardo a recender.
13Folequiño de mirra é para min o meu amigo,
repousa entre os meus peitos;
14coma acio de fiafeira é para min o meu amigo,
das viñas de En-Guedí.
Declaración na aurora
15—Si que es belida, miña amada,
si que es belida!
Os teus ollos son pombiñas!
16—Si que es ti belido, meu amigo,
e ben garrido!
Frondoso é o noso leito,
17de cedro ten as trabes a nosa casa,
de ciprés son os teitos.
Currently Selected:
Cantares 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT