Cantares 2
2
Lirio e maceira
1—Eu son o narciso do Xarón,
unha azucena das valgadas.
2—Coma lirio de entre os toxos
tal é a miña amada entre as rapazas.
3—Coma a maceira entre as árbores da fraga
tal é o meu amigo entre os mozos.
A súa sombra devezo por me sentar
pois é doce o seu froito ó meu padal.
Doenza de amor
4Meteume el na cámara do viño
e a súa bandeira para min chámase amor.
5Sostédeme con tortiñas de uvas pasas,
confortádeme con mazás,
que doente vou de amor!
6Puxo a súa esquerda baixo a miña cabeza,
coa súa dereita unha aperta me está a dar.
7Conxúrovos, meniñas de Xerusalén,
polas gacelas ou as cervas montesías,
non espertedes nin desveledes o amor,
ata que el queira!
O amado ás portas
8Escoitade! É o meu amigo! Aí o vén!
Choutando polos montes, brincando por outeiros!
9Semella o meu amigo unha gacela
ou un cerviño novo.
Velaí que parou tralo noso muro,
albisca polas fiestras,
axexa polas reixas!
Aí vén o maio
10Faloume o meu amigo; así dicía:
—"Érguete, amada miña, fermosa miña,
ven xa!
11Xa fuxiu o inverno,
foron pasando as chuvias,
12floriñas asomaron na campía,
vén o tempo das ruadas,
os arrolos da rula resoan nos nosos campos;
13o figueiral ten gromos,
as vides botan flores recendentes.
Érguete e ven, amada,
fermosa miña, ven xa!
Pomba escondida
14Miña pomba, nas fendas dos penedos,
nos recantos das rochas,
faime ver a túa figura,
faime oír o teu falar,
que é doce esa voz túa,
e o teu xeito, lanzal!"
Raposiñas
15Aferrádenos as raposas,
as raposas pequeniñas
que nos estragan as viñas,
nosas viñas a agromar!
16Para min é o meu amigo e eu son para el
que pasta nos lirios.
17Ata que sopre o día
e fuxan as sombras
volve, meu amigo,
seméllate á gacela
ou ó cervo noviño
nos montes de Beter.
Currently Selected:
Cantares 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT