Bible App logo
Search Icon

Qohélet (Eclesiastés) 12

12
Alegoría da vellez
1Lembra ó teu creador nos anos mozos
antes de que cheguen os días malos
e te atopes cos anos dos que dirás:
"Non sinto pracer neles"!
2Antes de que se atolde o sol e a luz,
a lúa e as estrelas,
e retornen as nubes trala chuvia;
3o día en que treman os gardiáns da casa
e se dobren os fortes,
e deixen de moer as muiñeiras, que serán poucas,
e escurezan os que ollan desde as fiestras.
4Cando se pechen os portóns que dan á rúa,
e esmoreza o fungar do muíño
convertido en rechouchío de paxaros,
e se esgoten os cantares;
5Darán espanto mesmo os tropezos do chan
e amedrentaranse as rúas.
Cando floreza a amendoeira
e o saltón se pouse
e non teña a alcaparra o seu amargor,
porque o home camiña para a morada eterna
e xa roldan polo adro as carpideiras.
6Antes de que crebe o fío de prata
e rompa o pichel de ouro
e quebre a cántara na cisterna
e se fenda a roldana no pozo;
7e torne o po á terra que antes era,
e volva o espírito cara a Deus, que o deu.
8Nada máis ca un sopro, di Qohélet, todo é un sopro!
EPÍLOGO I
9Qohélet, amais de ser Sabio, ensinou ó pobo o que sabía. Recolleu, examinou e recompuxo moitos ditos.
10Procuraba Qohélet dar coas verbas asisadas, escribindo con xeito palabras verdadeiras.
11"As sentencias do Sabio son coma aguilladas;
e cravos ben afincados o que se atopa nas escolmas,
cando os presenta o Pastor en persoa".
EPÍLOGO II
12Por enriba de todo, meu fillo, déixate aconsellar: o moito escribir libros non ten fin, e o moito matinar fatiga o corpo.
13Conclusión de todo o escoitado:
Ti teme a Deus, e garda os meus mandatos, pois iso é ser home cabal; 14xa que Deus vai levar a xuízo todas as accións, aínda as ocultas, sexan boas ou malas.

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in