Eclesiástico 9
9
Perigos coas mulleres
1Non teñas celos da túa propia muller
para non ensinarlle a ser maliciosa contigo.
2Non te entregues de todo á túa muller
para que non che pise as costas.
3Non te achegues á muller allea
para non caeres nas súas redes.
Non teñas tratos con prostituta,
non te vaia cazar coas súas mañas.
4Non lles botes piropos ás cantantes,
non te vaian queimar coas súas boquiñas.
5Non poñas o ollo na moza nova
para non levares castigo por culpa súa.
6Non te entregues a unha prostituta
para non disipar a túa herdanza
7ficando por tolo ós teus propios ollos
e arruinando por riba o teu casal.
8Afasta a vista da muller fermosa
e non olles para unha beleza que non é túa.
Por unha muller pérdense moitos,
e o seu amor queima coma o lume.
9Non xantes cunha muller casada
nin roldes bébedo na súa compaña,
para que non te arrastre a ela o corazón
e despois, sangrando, descendas á cova.
Outras clases de homes
10Non deixes amigo vello,
pois o novo non o iguala.
Amigo novo é viño novo:
cando envelleza, beberalo.
11Non envexes o perverso
pois ignoras cando lle virá o seu día.
12Non envexes a fachenda do afortunado;
pensa que no día da morte non ficará impune.
13Tente lonxe do home capaz de matar
e non terás terrores mortais;
se te lle achegas non fagas faltas
para que non che arrinque o alento da vida;
leva conta de que marchas entre trampas
e que camiñas sobre unha rede.
14Na medida en que poidas ten trato co veciño
e consulta cos sabios;
15sexa a túa conversa co asisado
e con eles, todos os teus segredos.
16Sexan os teus comensais xente de ben
e pon no temor de Deus a túa gloria.
Do goberno
17Con mans hábiles mantense o dereito
e goberna ó seu pobo o home elocuente.
18Témenlle na cidade ó bardallas
e renegan das laretadas da súa boca.
Currently Selected:
Eclesiástico 9: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT