Eclesiástico 10
10
1Un maxistrado público instrúe ó seu pobo
e o goberno dun home asisado é ordenado.
2Como é o gobernante do pobo, así son os subalternos;
e coma o rexedor, os cidadáns.
3Un rei insensato arruína a cidade
pois a cidade asenta na prudencia dos xefes.
4Nas mans de Deus está o goberno do mundo
e suscita en cada momento o home que convén.
5Nas mans de Deus está todo poder humano
e ten en máis a súa gloria có gobernante.
Tratado sobre a soberbia
6Non devolvas mal ó veciño por unha inxuria calquera;
non te deixes ir polo camiño da soberbia.
7A soberbia é odiada do Señor e mais dos homes;
e de entrámbolos dous, o esforzo do que asoballa.
8Dun pobo a outro pasa a hexemonía
e razón da violencia e da soberbia.
9De que se gaba o po e mais a cinsa
e quen, aínda de vivo, ten podres as entrañas?
10O ataque da doenza ri do médico:
"Rei hoxe, defunto mañá".
11Cando morre o home herdan os vermes:
as lombrigas, as larvas e os insectos.
12O celme do orgullo está no home insolente
que aparta o seu pensar do Creador;
13pois manancial de orgullo é o pecado
e a súa fonte burbulla malicia,
por iso Deus castígao terriblemente
e bate nel ata esnaquizalo.
14Derruba Deus o trono dos soberbios
e asenta no seu posto ós humildes.
15Deus arrinca as raiceiras das nacións
e planta no seu lugar ós sinxelos.
16O Señor encobre as pegadas dos pobos
e talla os seus raigaños a ras do chan,
17várreos da terra e arríncaos
e borra do mundo a súa lembranza.
18Non di co home o orgullo
nin a carraxe co nado de muller!
Nobreza e temor de Deus
19Cal é a raza honrada? — A raza humana.
Cal é a raza honrada? — A que teme a Deus.
Cal é a raza desprezable? — A raza humana.
Cal é a raza desprezable? — A que viola o mandado.
20-21Entre irmáns tense respecto ó vinculeiro,
mais o que teme a Deus vaille por diante.
22Emigrante ou alleo, estranxeiro ou mendigo,
a gloria deles é o temor de Deus.
23Non é de rexeitar un pobre intelixente
nin ter por honrado a calquera home pecador.
24Ao príncipe, ó gobernante e ó maxistrado débenselles respecto
mais ninguén é meirande có que teme a Deus.
25Ao escravo sensato servirano homes libres
sen que un home intelixente teña que obxectar.
Presunción e autorrespecto
26Non te chufes de listo ó facer o teu traballo
nin presumas no tempo da estreitura.
27Máis vale un obreiro que abunda en facenda
do que o presuntuoso que non ten mantenza.
28Meu fillo, con modestia respéctate a ti mesmo
e daráseche o alimento que che cómpre.
29Quen declarará inocente a quen se di culpable?
Quen vai respectar a quen se rebaixa?
30Pobres hai que son respectados por mor da súa prudencia
coma hai quen é honrado por causa da súa riqueza.
Honrado pola riqueza? — Por canto tempo?
Aldraxado pola pobreza? — Por canto tempo?
31Se o respectan na pobreza, canto máis na riqueza.
Se o aldraxan na riqueza, canto máis na pobreza.
Currently Selected:
Eclesiástico 10: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT