Eclesiástico 8
8
Discusións problemáticas
1Non teñas preito con home poderoso,
non vaias dar nas súas mans.
2Non rifes con home adiñeirado,
non vaia medir o teu prezo e te perdas;
pois o ouro fai finchados ós grandes
e a riqueza desvaría a mente dos príncipes.
3Non discutas co lingoreteiro
para non botares leña ó lume.
4Non teñas trato co necio
para que non se burle das xentes nobres.
Desprezos inxustificados
5Non escarnezas a quen se converte do pecado,
lembra que todos somos culpables.
6Non poñas en apuros ó home de idade,
que tamén nós imos chegar a vellos.
7Non te aledes por un morto,
lembra que todos imos morrer.
Ciencia e tradición
8Non desbotes as razóns dos sabios,
ocúpate nos seus enigmas;
pois neles aprenderás a tradición
e poderaste presentar diante de príncipes.
9Non descoides as historias dos anciáns,
que eles pola súa banda escoitaron de seus pais,
pois con elas adquirirás prudencia
para saberes dar resposta cando cómpre.
Perigos nos homes
10Non atices as brasas do pecador
para non te queimares coa súa labarada.
11Non cedas diante do cínico
para que non prepare a emboscada ante ti.
12Non prestes a quen é máis forte ca ti;
se lle prestaches, teno por perdido.
13Non saias fiador por máis do que podes;
se xa te comprometiches, considérate debedor.
14Non fagas preito a un xuíz,
pois xulgará o que lle veña ben.
15Non fagas viaxe cun temerario
para non agrandar os teus males;
pois el vai dereito ó seu
e ti terás que pagar pola súa tolemia.
16Non sexas teimudo co irascible
nin viaxes á beira del polo camiño,
pois para el é cousa de nada o esparexer sangue
e desfarase de ti onde non teñas quen te acorra.
17Non consultes co inxenuo
pois non sabe gardar un segredo.
18Diante dun forasteiro non fagas nada sospeitoso
pois non sabes o que el pode deducir.
19Non descubras a túa mente a calquera
para non escorrentar a felicidade de onda ti.
Currently Selected:
Eclesiástico 8: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT