Eclesiástico 7
7
Integridade e bondade
1Non fagas o mal
e non che virá o mal.
2Afástate da culpa
e ela apartará de ti.
3Non sementes nos sucos da inxustiza,
non teñas que recoller sete por un.
4Non pidas a Deus un mando
nin ó rei un posto honorífico.
5Non te gabes de xusto perante Deus
nin te fagas o sabido diante do rei.
6Non areles gobernar
se non tes valor para controlar a fachenda,
non sexa que te intimides diante dun príncipe
e botes unha chata na túa integridade.
7Non deas motivo de ser condenado na reunión da porta
para non seres humillado na asemblea.
8Non te endurezas ata repetir un pecado
pois aínda cun só non fuxirás impune.
9Non digas: —"Terá El en conta a morea das miñas ofrendas;
cando lle faga un don ó Deus Altísimo, aceptarao".
10Non sexas impaciente na pregaria
nin deixes a esmola para máis adiante.
11Non aldraxes o home magoado,
pensa que hai quen exalta e humilla.
12Non matines violencia contra teu irmán
nin contra o veciño e compañeiro;
13non te afagas a dicir unha mentira despois doutra
pois o remate non sería feliz;
14non esbardalles na reunión dos príncipes
nin repitas verbas na pregaria.
15Non refugues a tarefa penosa
nin o traballo do campo, disposto por Deus.
16Non te deas aires de importante entre a xente da aldea:
ten en conta que a xenreira non tardaría.
17Abaixa todo o que poidas a túa fachenda,
que o que lle espera ó home son os vermes.
Non te apresures a falar e cambiar de opinión;
consulta a Deus e conténtate co que dispón.
18Non troques un amigo por unha fortuna
nin un irmán verdadeiro polo ouro de Ofir;
19non despreces unha muller discreta;
se por riba é xeitosa, vale máis do que as perlas.
20Non asoballes o criado fiel
nin o xornaleiro que pon todo o seu esforzo;
21Ama coma a ti mesmo ó criado intelixente
e non lle denegues a liberdade.
22Tes gando? — Teno do teu ollo;
se che é útil, consérvao.
23Tes fillos? — Edúcaos
e procúralles muller cando aínda son novos.
24Tes fillas? — Vixía os seus corpos
e non lles amoses unha faciana condescendente.
25Casa a filla e irase a preocupación,
mais cásaa con home asisado.
26Tes muller? — Non a repudies;
mais se non a queres, non te fíes dela.
27Honra a teu pai de todo corazón
e non esquezas as dores de túa nai;
28lembra que naciches grazas a eles;
con que lles vas poder compensar o que por ti fixeron?
29Con todo o ánimo teme a Deus
e trata ós seus sacerdotes coma cousa santa.
30Ama ó teu Facedor con todas as túas forzas
e non abandones os seus ministros.
31Honra a Deus e respecta o sacerdote,
dálle a súa parte como está prescrito:
a carne dos holocaustos, a ofrenda das mans,
os sacrificios de rigor, e o tributo sagrado.
32Tende tamén ó pobre a túa man
para que a túa bendición sexa cumprida.
33Fai agasallos a todos os viventes;
tampouco non lles negues a piedade ós mortos.
34Non fuxas dos que choran,
fai o pranto cos enloitados.
35Que o teu ánimo non refugue ó doente
e serás amado del.
36En todas as túas accións lembra a fin
e endexamais non pecarás.
Currently Selected:
Eclesiástico 7: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT