Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 6

6
1pois mal nome e aldraxe son produto da infamia
e tal sucede co malvado de lingua dobrada.
A paixón
2Non caias no poder da túa paixón
pois consumirá o teu vigor,
3devorará as túas follas, arrincará os teus froitos
deixarate coma unha árbore seca;
4xa que a paixón violenta abate ós que a posúen
e convérteos en motivo de troula dos seus inimigos.
A amizade auténtica
5Unha fala xeitosa multiplica os amigos,
uns labios graciosos atraen saúdos.
6Ten moitas relacións,
mais, coma confidente, un de entre mil.
7Se fas un amigo, faino despois da proba,
non fíes de contado nel.
8Pois amigos hai que van co tempo
e non resisten nos días difíciles.
9Amigo hai que se troca en inimigo
e descobre despois as túas liortas vergoñentas.
10Amigo hai, compañeiro de mesa,
que non se atopa no día da desfeita;
11mentres teñas facenda, estará ó teu carón;
vaiche mal, e apártase de ti;
12se te atrapa a desgraza, vólvese en contra túa,
escóndese da túa presenza.
13Arreda dos teus inimigos,
ten coidado cos teus amigos.
14Amigo fiel, amigo seguro,
quen o atopa, encontra un tesouro.
15Amigo leal non ten prezo,
non hai quen pese o seu valer.
16Coma talismán para a saúde é o amigo leal,
quen teme a Deus acádao.
17Quen teme a Deus dirixe rectamente a súa amizade;
tal coma un é, tal é o seu amigo.
A iniciación á Sabedoría
18Meu fillo, desde a túa mocidade acolle a instrución
e ata a ancianidade acadarás Sabedoría;
19Achégate a ela coma quen ara ou sega
e espera colleita farturenta,
pois no seu cultivo terás que traballar un pouco
mais axiña xantarás dos seus froitos.
20Ela é espiñenta para o necio
e insoportable para o mal asisado;
21Afunde nel coma pedra pesada:
non tardará en desbotala;
22pois a iniciación é coma o que amosa o seu nome,
inaccesible para moitos.
23Escoita, meu fillo, e acolle o meu ensino
e non refugues o meu consello.
24Mete os pés nos seus cepos
e o pescozo no seu xugo;
25baixa as costas e carga con ela,
que non te irriten as súas cordas.
26Achégate a ela con toda a alma
e con toda a túa forza garda os seus camiños.
27Procura, inquire, busca e encontrarás,
se pillas a instrución non a ceibes;
28pois ó remate, atoparás o seu acougo
e converteráseche en firme deleite,
29Aquelas redes súas trocaránseche en firme alicerce
e as súas ataduras en adobío de pan de ouro;
30o seu xugo, en diadema dourada;
os seus lazos, en liñas de púrpura;
31vestiralas coma traxe de festa
cinguiralas coma coroa de luxo.
32Filliño, se ti queres, podes chegar a Sabio,
se pos todo o teu tino, volveraste prudente;
33se tes arelas de escoitar, aprenderás,
se prestas oído, haste instruír;
34preséntate na xuntanza dos anciáns
e se hai algún Sabio, apégate a el;
35Atende gustoso calquera discurso
e non che fuxa un dito agudo;
36observa quen é o intelixente e corre cedo a visitalo
e que os teus pés desgasten a soleira da súa porta.
37Cavila no temor do Altísimo
e de continuo medita os seus mandados.
El ilustrará a túa intelixencia,
farate Sabio canto desexes.

Currently Selected:

Eclesiástico 6: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in