Eclesiástico 40
40
Da vida e da morte
a) Canseira da vida
1Deus distribuíu unha grande angueira
e un pesado xugo ós fillos de Adam,
desde o día no que saen do ventre materno
ata o día no que volvan para a nai de todo vivente:
2matinacións, tremor de corazón,
ansiedade polo futuro, día da morte.
3Desde o que asenta no elevado trono
ata o que se deita sobre po e cinsa,
4desde o que cingue tiara e diadema
ata o que se acubilla no seu mantelo de pelexo:
soamente celos, degoiros e angustia,
terror á morte, xenreira e liortas.
5E cando procura repousar no leito
o sono nocturno túrballe o ánimo;
6Acouga un momento, repousa un instante,
e xa o alporizan os pesadelos;
abafado polas imaxes internas
séntese coma o fuxido correndo diante do perseguidor;
7cando está para ceibarse, esperta
e decátase de que non tiña motivo o medo.
8Deste xeito ocórrelle a todo vivente sexa home ou besta,
e sete veces peor ós pecadores:
9peste e sangue, febre e seca,
desfeita e destrución, fame e morte.
10En contra do malvado foi creado o mal,
por culpa súa non faltará a ruína.
11Canto procede da terra volta para a terra,
canto provén do alto torna ó alto.
b) A lealdade permanece
12Todo regalo inxusto desaparecerá
mais a lealdade permanece para sempre;
13facenda mal adquirida é coma a crecida constante,
coma regato cheo co arroiar da treboada;
14co seu xurdir fai roldar os penedos
e nun momento esmorece para sempre.
15O gromo da violencia non abrocha
pois é raiceira cativa sobre cumio de rocha,
16é coma os caneiros á beira do regato
que secan antes de calquera verdura,
17mentres que a lealdade non se conmove endexamais
e a esmola perdura sempre.
c) "Aínda mellor"
18Doce é a vida coma o viño forte;
mellor cós dous é atopar un tesouro.
19Fillos e cidades fundadas perpetúan a sona;
mellor cós dous é atopar Sabedoría;
ceba de gando e plantacións fan célebre a un home,
pero máis cás dúas, unha muller sen chata.
20Viño e licor aledan o corazón,
mellor cós dous é un amor agarimoso.
21Frauta e arpa embelecen o canto,
mellor cás dúas é unha voz ben temperada.
22Beleza e xeito engadan os ollos,
mellor cós dous é o verdear da campía.
23Amigo e compañeiro chegan no intre xusto,
mellor ca eles dous, a muller asisada.
24Irmán e salvador chegan no tempo da angustia,
máis ca eles dous salva a esmola.
25Ouro e prata afincan ben os pés:
mellor cós dous é un bo consello.
26Riqueza e poderío exaltan o espírito,
mellor cós dous é o temor de Deus.
Co temor do Señor non hai falta de nada,
e téndoo non cómpre máis apoio.
27O temor de Deus é coma un Edén de felicidade
e o seu dosel está todo cheo de gloria.
d) Vida sen dependencia
28Filliño, non leves unha vida de mendigo,
máis conta ten morrer que andar a pedir,
29quen ten que estar a ollar para a mesa allea
leva unha vida que non é vida;
pois un fica lixado cun xantar semellante,
a un home sabio revolveríalle o estómago.
30A un home sen dignidade sábelle ben o mendigado
mais no interior quéimao coma o lume.
Currently Selected:
Eclesiástico 40: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT