Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 39

39
b) O sabio de novo cuño
1Aquel, en troques, que aplica o seu espírito
a cavilar na Lei do Altísimo,
esculca na Sabedoría dos devanceiros,
dá tempo ó estudio das profecías,
2pescuda as disertacións de homes famosos
e penetra nas dificultades das sentencias;
3inquire o senso oculto dos proverbios,
cóllelles as voltas ós enigmas das parábolas.
4Presta servizo ante os grandes,
comparece ante os príncipes;
viaxa por nacións estranxeiras
experimentando o que hai de bo e de malo entre os homes.
5Desde o amencer diríxese con todo o seu ánimo
ó Señor que o creou
e suplica na presenza do Altísimo;
abre a boca cunha pregaria
e roga perdón polos pecados.
6Se o grande Señor quixese,
será colmado dun espírito intelixente;
faralle orballar verbas sabias
de xeito que confese ó Señor na súa pregaria;
7dirixiralle o querer e o saber
para que abonde nos seus segredos;
8revelaralle a doutrina do seu ensino
para que teña o seu orgullo na Lei da alianza do Señor.
9Moitos loarán a súa perspicacia
que non será endexamais esquecida;
non perecerá o seu recordo
e a súa sona manterase viva por xeracións.
10Comentarán as nacións a súa Sabedoría
e a asemblea proclamará a súa loanza.
11En canto viva será máis famoso ca moitos miles,
cando morra abondaralle co seu nome.
Deus todo o fixo ben
12Vou aínda proseguir as miñas reflexións
pois estou delas cheo coma o luar a mes mediado:
13escoitádeme, fillos piadosos, e agromaredes
coma a roseira plantada á beira da corrente;
14recenderedes coma o incenso,
floreceredes coma o lirio.
Erguede a voz loando a coro
e celebrade ó Señor por todas as súas obras,
15engrandecede o seu nome,
proclamade a súa loanza
ó son da cítola e toda clase de cántiga,
dicindo deste xeito, aclamando:
16As obras de Deus son todas boas,
todo canto cómpre dispono El ó seu tempo.
17A súa voz detense a auga e embólsase,
xorde da súa cámara co mandado da súa boca;
18o seu parecer realízase de súpeto,
ninguén pode deter o seu triunfo;
19sonlle patentes as obras de todo vivente,
nada se esconde ós seus ollos;
20olla da eternidade á eternidade,
nada hai extraordinario para el.
21Non se pode dicir: —"Isto para que vale?"
pois cada cousa foi escolleita para o seu fin;
nin é doado dicir: —"Isto é peor ca aquilo"
pois cada cousa ten valor no seu tempo.
22A súa bendición reborda coma o Nilo,
coma o Éufrates alaga o universo;
23tamén a súa carraxe espolia as nacións
e troca en estepa de sal campías de rego.
24Os seus vieiros son terreo chan para os íntegros,
por contra son fragosos para os impíos.
25Desde o comezo fixo os bens para os bos
e para os malvados, bens e males.
26De primeira necesidade para unha vida humana, son:
auga e lume, ferro e sal,
a flor do trigo, o leite, o mel,
zume de uva, aceite e vestido;
27isto todo é de proveito para os bos
mais para os malvados trócase en mal.
28Existen ventos creados para a vinganza
que na súa carraxe arrincan as montañas;
no tempo da ira amosan a súa forza
amainando a xenreira do seu creador;
29lume e sarabia, fame e peste
tamén foron creados para o castigo;
30bestas feras, alacrán e víbora,
e a espada vingadora, para a extinción de impíos.
Cada un deles foron creados para o seu propósito
e esperan no celeiro o seu tempo oportuno;
31cando lles dá un mandado alédanse,
non se reviran contra os seus decretos.
32Velaquí o que desde o comezo intentei cavilar,
o que examinei e deixei por escrito:
33—"Todas as obras de Deus son boas,
todo canto cómpre, dispono El ó seu tempo".
34Non se pode dicir: —"Isto é peor ca aquilo"
pois cada cousa ten valor no seu momento.
35Aledádevos, logo, de todo corazón
e bendicide o nome do Santo.

Currently Selected:

Eclesiástico 39: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in