Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 41

41
e) A morte: laio e bendición
1Oh morte, que aceda é a túa lembranza
para quen mora quedo nos seus eidos,
para quen vive en paz e todo lle vai ben
e aínda ten folgos para gozar de pracer!
2Oh morte, que bo é o teu decreto
para o home mísero e falto de vigor,
para quen tropeza e se ve atrapado por todas partes,
para quen abanea e perdeu a esperanza!
3Non teñas medo do teu destino mortal,
lembra que o mesmo vale para os que te precederon e te sigan.
4É a sorte que Deus impuxo a todo vivente,
como vas refugar a Lei do Altísimo?
Vivas mil, cen ou dez anos,
non se protesta no Xeol polo que dura a vida.
f) Descendencia e sona
5Descendencia desbotada é a dos malvados
que van a miúdo á casa dos impíos.
6Arrincaranlle o poderío ó fillo do perverso
e a aldraxe acompañará á súa prole.
7A un pai malvado maldío seu fillo
pois por culpa del sofre a deshonra.
8Ai de vós, impíos,
que abandonades a Lei do Altísimo!
9Se vos multiplicades será para a desventura,
se xerades será para a coita,
ó caerdes haberá escarnio permanente,
cando morrades será na maldición.
10Canto vén da nada volve á nada,
así o impío: do baleiro ó baleiro.
11Un home no seu corpo é un sopro,
mais o nome do piadoso non perece.
12Coida do teu bo nome pois hache valer máis
do que un milleiro de tesouros prezados.
13A ledicia de vivir dura días contados;
a boa sona, anos sen fin.
Clases de vergonza
14Sabedoría agachada e tesouro oculto
de que serven ámbolos dous?
15Máis vale quen agacha a súa tolemia
có que esconde a súa sabedoría.
16Filliños, escoitade a instrución sobre a vergonza
e confundídevos seguindo o meu xuízo;
pois non é valiosa unha vergonza calquera
nin é aceptable calquera rubor.
17Avergónzate da fornicación diante de teu pai e de túa nai,
e diante do principal e o maior, pola mentira;
18da falsidade ante o dono e a ama;
diante da asemblea do pobo, por un crime;
ante o compañeiro e veciño, pola traizón;
19no lugar da túa morada, por un roubo,
por non manter compromisos xurados,
por afincar os cóbados na mesa,
por refugar un don que se che pide;
20por facer o xordo a quen te saúda,
por fitar muller allea
21por non recoñecer a un amigo,
por impedir o reparto das partillas;
por frecuentar a súa criada;
22-27diante do amigo, por verbas inxuriosas,
e despois de facer un don, por botalo en cara;

Currently Selected:

Eclesiástico 41: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in