Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 38

38
b) Eloxio do médico
1Respecta ó médico pois é necesario,
a el tamén o creou Deus.
2De Deus recibiu o médico a habilidade,
e do rei os agasallos.
3A ciencia do médico faille erguer a cabeza
e relacionarse cos príncipes.
4Deus fai que a terra produza as menciñas
e o home asisado non as desbota.
5Non foi adozada a auga cun madeiro
para que todos descubrisen a súa virtude?
6Do mesmo xeito deulle ó home intelixencia
para se gloriar no seu poder.
7Con tales medicinas o médico mata a dor
e o boticario prepara as súas mesturas,
8de xeito que a creación de Deus non desapareza
nin a habelencia dos fillos de Adam.
c) Deberes na enfermidade
9Filliño, cando esteas enfermo non te deixes ir,
rógalle a Deus e El hate sandar;
10fuxe do mal e da parcialidade,
purifica o corazón de toda culpa,
11ofrenda incenso e a oblación memorial
e sacrificios de unto segundo os teus medios,
12mais bota man por igual do médico
e que non se afaste, pois tamén el é preciso.
13Hai momentos en que o éxito está da súa man
14xa que tamén el prega a Deus
para que lle conceda atinar coa diagnose
e aplicar o tratamento que cure.
15Peca contra o seu creador
quen fai resistencia diante do médico.
d) Deberes cos defuntos
16Filliño, derrama bágoas por un defunto;
amosa a túa mágoa e fai o pranto,
sotérrao despois segundo o uso que lle corresponda
e non o esquezas tralo pasamento.
17Chora tristeiro, salaia por el,
pon o loito que convén por el
un día ou dous para evitar lerias;
despois consólate da coita
18pois, como coa mágoa xorde a desgraza,
tamén coa tristura medra a dor.
19Despois do pasamento cómpre deixar a coita,
o ánimo maldí unha vida mísera.
20Non volvas para el o teu maxín,
refuga o seu recordo e lembra a fin;
21non penses máis nel pois non ten esperanza,
para el non vai valer e a ti faiche mal.
22Pensa na súa sorte que é tamén a túa:
"Onte a min, hoxe a ti".
23Cando o morto repousa, repouse a súa memoria,
consólate ti tamén, unha vez que partiu a súa alma.
Crítica de oficios e loanza do escriba
a) Os oficios artesanais
24A aplicación do escriba acrecenta o seu saber;
o libre de ocupación farase sabio.
25Como vai chegar a sabio quen aferra a aguillada
ou quen dá aires de brandir a lanza,
o que guía os bois repetindo unha cántiga
e non fai máis que falar dos xatos?
26Ese afánase en ter gobernado o cortello,
pon todo o intento en facer sucos.
27O mesmo se diga de calquera artesán ou obreiro
que non acouga noite e día:
os que gravan as figuras dos selos
e poñen a súa teima en variar os relevos;
aplican a atención á reprodución do debuxo
e as súas vixilias a rematar a obra.
28Outro tanto o ferreiro, asentado a carón da xunca,
obrando a conciencia trebellos de ferro;
a labarada sécalle as carnes
mentres se atafega á calor da forxa;
o son do martelo abóuxalle os oídos,
ten os ollos fixos no modelo do aparello,
ocúpase en rematar a obra
e consome as súas vixilias en deixar todo ben acabado.
29Tal acontece co oleiro, sentado ó seu traballo,
xirando cos pés a roda,
sempre a cismar no seu oficio,
pois da produción depende o seu labor.
30Co brazo dálle forma á arxila
amolecéndolle a dureza coa axuda dos pés;
preocúpase por deixar ben vernizado
e todo o seu afán é deixar limpo o forno.
31Estes todos poñen confianza nas súas mans
e cadaquén entende do seu oficio,
32sen eles non é habitable unha cidade,
ninguén podería morar nin viaxar.
33Mais non van á procura deles para o consello do pobo,
nin teñen asento de mérito na asemblea;
non asentan na sede do xuíz,
non cavilan sobre a lei e o dereito,
non amosan unha cultura penetrante
e de sentencias sutís non entenden;
34empréganse só en tarefas profanas
e a súa teima esgótase no exercicio do seu mester.

Currently Selected:

Eclesiástico 38: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in