Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 37

37
b) Que caste de amigo
1Calquera amigo di: —"Téñoche boa lei",
mais hainos só de nome.
2Non é por caso unha mágoa de morte
que un amigo íntimo se volva inimigo?
3Ouh maligna tendencia! Para que fuches creada?
Para encher a face da terra de engano.
4Amigo falso non quita ollo da mesa
mais no tempo de estreituras mantense lonxe.
5Un bo amigo loita contra o adversario
e apresta o escudo contra os agresores.
6Non esquezas o compañeiro na contenda
nin lle roubes ó recoller a presa.
c) De quen pedir consello
7Todo conselleiro fai indicacións
mais hai conselleiros que suxiren para o seu proveito.
8Gárdate ben do conselleiro,
considera de primeiras cal é o seu interese,
pois tamén el está a pensar para si:
"Por que habería este de tirar o proveito?"
9Non che vaia dicir: —"A túa idea é boa",
e se poña á parte para contemplar a túa desfeita.
10Non te aconselles con quen te envexa,
e esconde o teu plan de quen che ten celos:
11Nin con muller verbo da súa rival,
nin co adversario no tocante á guerra,
nin co tratante no tocante á compra,
nin co comprador no tocante á venda,
nin co malicioso sobre unha boa acción,
nin co cruel sobre o ser humano,
nin co asalariado no tocante ó seu traballo,
nin co que arrendou por un ano sobre o valor da colleita,
nin co criado preguiceiro no tocante a un traballo duro.
Non te apoies neles para proxecto ningún.
12Consúltate máis ben con quen é de sempre respectuoso,
que coñeces coma observante da Lei,
que teña o teu mesmo sentir
e que en caso de tropezo, che acorra.
13Por riba diso, atende ás suxestións do teu corazón
pois quen che vai ser fiel coma el?
14O corazón agóiralle ó home o momento oportuno
mellor ca sete astrólogos na atalaia.
15E ademais disto, suplícalle a Deus
para que afinque as túas pegadas na verdade.
Peneira dos sabios: o uso da palabra
16Comezo de toda acción é a palabra
e comezo de toda tarefa, a reflexión;
17raiceira dos proxectos é a mente,
e dela despuntan catro pólas:
18o ben e o mal, a vida e a morte;
e a lingua domina totalmente sobre elas.
19Sabio hai que tal é para moita xente
e consigo mesmo é un imbécil,
20-21e sabio hai desprezado polo seu falar
e excluído de todo banquete delicioso.
22Sabio hai que o é para si
e nótaselle no corpo o froito da súa ciencia;
23e sabio hai que é sabio para o seu pobo
e o froito da súa ciencia será perdurable.
24Quen é sabio para si fártase de satisfaccións,
os que o ven felicítano.
25Quen é sabio para o pobo herdará gloria
e a súa sona vivirá eternamente.
26A vida dun home son días contados,
a vida do pobo de Israel son días innumerables.
Vida e morte
a) Control na comida
27Meu fillo, mentres vivas controla a gorxa;
observa o que lle fai mal, para refugalo,
28pois non todo é bo para todos
nin todo xantar lle vai ben a calquera.
29Non devezas por toda lambetada
nin te botes sobre calquera peperete
30pois nas moitas lambetadas aniña a enfermidade
e a inmoderación provoca a náusea.
31Moitos morreron por intemperanza,
mais o que se controla alonga a vida.

Currently Selected:

Eclesiástico 37: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in