Eclesiástico 36
36
Pregaria da liberación
1Sálvanos, Deus do universo,
2espalla o teu terror en todas as nacións;
3brande a túa man contra un pobo estranxeiro
para que experimenten o teu poderío.
4Como te amosaches santo ós seus ollos a costa nosa,
maniféstate glorioso á nosa vista en contra deles,
5para que aprendan, como fixemos nós,
que non hai Deus fóra de ti.
6Renova os prodixios, repite os milagres,
7honra a túa man, fai forte o teu brazo dereito,
8excita a carraxe, esparexe a ira,
9humilla ó opresor
arreda ó inimigo,
10Adianta o remate, ten en conta a data fixada
pois quen poderá dicirche: —"Que fas?".
11Arda no alampar da túa carraxe o que tentou fuxir
e que os que asoballaron ó teu pobo vaian dar na ruína.
12Abate a cabeza dos príncipes de Moab,
dos que din: —"Non hai coma min".
13Reúne a todas as tribos de Xacob
e que reconquisten a herdanza coma nos vellos tempos.
14Ten piedade do pobo que leva o teu nome,
de Israel a quen designaches primoxénito.
15Ten piedade da túa cidade santa,
Xerusalén, lugar da túa morada.
16Enche Sión coa túa maxestade;
e o teu templo, de gloria.
17Dá testemuño a prol da mellor das túas obras,
cumpre a visión proclamada no teu nome.
18Recompensa ós que en ti esperan
para que se lles dea creto ós teus profetas.
19Escoita a pregaria dos teus servos
segundo o que te compraces no teu pobo;
recoñezan todos os confíns da terra
que ti es o Deus sempiterno.
Saber escoller
a) Que caste de muller
20A gorxa acepta un xantar calquera,
por iso uns alimentos son máis saborosos ca outros.
21O padal distingue o sabor dunha cousa,
a intelixencia capta o sabor da mentira.
22Un corazón arteiro procura mágoas,
o home asisado retórceas contra el.
23A muller acolle ó marido que sexa,
con todo unhas mozas valen máis cás outras.
24A beleza da muller aleda o rostro
e supera canto arela o ollo,
25se por riba posúe unha doce fala
o seu home xa non se conta entre os humanos.
26Acadar muller é o sumo das ganancias,
unha axuda, fortaleza e columna de apoio.
27Onde non hai sebe estrágase a viña;
onde falta a muller, ándase errante e ós tombos.
Quen afiúza nunha banda armada
que anda ás correrías de vila en vila?
Pois tal é o home ó non ter niño,
que pousa onde o pilla a noite.
Currently Selected:
Eclesiástico 36: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT