Eclesiástico 35
35
b) O verdadeiro sacrificio
1Aquel que observa a Lei fai ofrendas cumpridas,
2o que garda os mandamentos fai sacrificio de comuñón.
3Quen se amosa indulxente ofrece flor de fariña,
4e o que doa unha esmola fai sacrificio de loanza.
5Se afastarse do mal comprace ó Señor,
fuxir da inxustiza é propiciación.
6Non te achegues ó Señor coas mans baleiras
7pois isto todo faise por mor do precepto.
8A ofrenda do xusto enche de graxa o altar,
o seu recendo atingue ó Altísimo.
9O sacrificio do xusto é ben acollido,
o seu memorial non será esquecido.
10Dá honor ó Señor con xenerosidade
e non andes a relear coas primicias das túas mans.
11En todo canto doares, pon rostro amable
e consagra o teu décimo con ánimo ledo.
12Dálle a Deus segundo El che doou,
con xenerosidade e conforme ós teus posibles,
13pois Deus recompensaracho
devolvéndoche o séptuplo.
c) O que Deus, de feito, escoita
14Non lle vaias con subornos, que non os acepta,
non poñas esperanza na ofrenda extorsionada,
15porque El é un Deus xusto
e non ten preferencias de persoa;
16non tomará parte contra o pobre
mais presta oídos ás demandas do asoballado,
17non refuga os saloucos do orfo
nin da viúva que repite o seu laio
18en tanto lle esvaran as bágoas polas meixelas
19e salaia de fronte a aqueles que as fan correr.
20Semellante laio acada o seu favor,
o seu berro chega ata as nubes.
21O grito do pobre traspón as nubes,
non pousa ata chegar á meta,
non cede ata que Deus o atende
e que o xuíz veraz faga xustiza;
22tampouco Deus a retardará
nin, coma baril, hase deter
ata esfolar os lombos do cruel
e cumprir vinganza nas nacións,
23Ata eliminar o cetro orgulloso
e esnaquizar o fungueiro impío;
24Ata retribuír a cadaquén segundo as súas obras,
e os feitos do home segundo as súas matinacións;
Ata defender a causa do seu pobo
aledándoo coa súa salvación.
Apreciada é a súa misericordia no tempo da opresión
coma a orballada no tempo da seca.
Currently Selected:
Eclesiástico 35: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT