Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 34

34
Vaidade dos soños
1Quen procura a vaidade atopa o erro
e os soños dan azos ós parvos.
2Apreixa sombras e persegue vento
quen lles dá creto ós soños.
3O soño é coma un espello:
reflicte o rostro, unha imaxe do rostro.
4Que pode haber de limpo no lixado?
Que pode haber de verdade na mentira?
5Adiviñacións, agoiros e soños son cousas vas:
andrómenas de mente parturiente.
6Se non foron enviados polo Altísimo nunha visión,
non acredites neles.
7Os soños teñen feito errar a moitos,
e afiuzando neles, pereceron.
8A Lei, en troques, cúmprese sen falsidade,
e a Sabedoría é íntegra cando a boca é veraz.
Seguridade nas viaxes
9Quen teña viaxado coñece moitas cousas,
quen ten moita experiencia fala asisadamente.
10Quen non pasou por probas, pouco coñece;
mais o que viaxou abunda en mañas.
11Moito teño eu ollado nas miñas viaxes,
tenme pasado máis dunha aventura.
12En perigo de morte atopeime a miúdo
e salveime grazas ó feito seguinte:
13que o espírito dos que temen a Deus mantense en vida
pois a súa esperanza afinca no que os salva.
14Quen teme ó Señor non ten medo de nada
nin perde azos pois pon nel a súa esperanza.
15Feliz o espírito de quen teme ó Señor:
en quen afinca? quen é o seu alicerce?
16Os ollos do Señor pousan naqueles que o aman
como potente escudo e rexo apoio,
reparo na calor e sombra ó mediodía,
defensa de tropezos e axuda contra os tombos,
17erguendo o ánimo e alumando os ollos,
dando a saúde, a vida e bendición.
Ética do culto
a) Culto viciado
18Sacrificar un ben mal adquirido é unha ofrenda impura
e os dons da xente sen lei non son aceptados.
19Non acolle o Altísimo donativos de impíos
nin lles perdoa as culpas polas moitas oblatas.
20Coma inmolar a un fillo na presenza do pai
é ofrendar sacrificios cos bens dos pobres;
21dunha escasa mantenza depende a vida dos pobres,
quen os priva dela é un asasino.
22Mata ó seu próximo quen lle colle o sustento,
esparexe sangue quen lle nega a paga ó obreiro.
23Un a edificar e outro a demoler,
que proveito tiran se non é máis traballo?
24Un a bendicir e outro a maldicir,
cal das dúas voces escoitará o Señor?
25Quen se lava despois de tocar un cadáver e volve tocalo,
de que lle vale o baño?
26Do mesmo xeito, a quen xaxúa polos propios pecados
e torna a facer o mesmo,
quen lle vai acoller a súa pregaria
e de que lle valeu mortificarse?

Currently Selected:

Eclesiástico 34: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in