Eclesiástico 33
33
1A quen teme ó Señor non lle sucede mal ningún
pois aínda da tentación sairá salvo.
2Non chega a sabio quen refuga a Lei,
será abaneado coma a dorna na galerna.
3Un home asisado comprende a palabra do Señor,
o seu ensino é seguro coma os Urim.
Precipitación do parvo
4Prepara a túa razón e despois pasa ás obras,
pensa con calma, despois discutirás.
5Coma a roda do carro é a mente do parvo
e coma o eixo a xirar, os seus pensamentos.
6Coma cabalo en celo é o amigo molesto,
monte quen o monte, rincha.
A lei das oposicións
7Por que un día non é coma o outro
se todo o ano lles vén a luz do sol?
8—A Sabedoría do Señor fíxoos distintos
de xeito que houbese días de festa;
9Algúns de entre eles bendiciunos santificándoos
e ós outros fíxoos días correntes.
10Tamén os homes todos están feitos de arxila
—pois de terra foi formado Adam—
11mais a Sabedoría do Señor distinguiunos
e diferenciou os seus camiños:
12bendí e honra a algúns,
a outros santifícaos e dedícaos a si;
a algúns deles maldíos e humíllaos
e guíndaos fóra dos seus postos.
13Coma a arxila na man do oleiro,
que a manexa ó seu gusto,
así o home está nas mans do seu creador
que lle fixa un papel na súa presenza.
14De fronte ó mal, o ben;
de fronte á vida, a morte;
de fronte ó bo, o malvado;
de fronte á luz, a tebra.
15Considérate de todas as obras de Deus,
todas elas feitas por parellas
e unha oposta á outra.
Autopresentación
16Tocante a min, eu cheguei derradeiro,
coma quen rebusca despois dos que vendiman,
17mais pola graza de Deus saín avantaxado
e coma vendimador enchín o meu lagar.
18Considerade que non traballei para min só
senón tamén para quenquera que procura Sabedoría.
19Escoitádeme, gobernantes dun gran pobo,
prestade oídos, os presidentes da asemblea.
Testamentos, ó seu tempo
20A fillo ou a esposa, a amigo e veciño,
non deas poder ningún mentres ti vivas.
21Mentres esteas en vida e teñas folgos
non te deixes dominar de ninguén.
22Mellor é que os teus fillos che pidan
que estar ti dependendo deles.
23Serás ti quen decida en todos os teus negocios
sen botares chatas na túa dignidade.
24Cando remate a conta dos teus curtos días,
estando para morrer, distribúe a herdanza.
Escravos
25O burro, penso, tralla e carga;
ó criado, mantenza e traballo arreo.
26-27Atarefa ó criado para que non busque vagar,
como erga a cabeza háseche revirar.
28Fai traballar ó criado para que non se subleve
29pois o vagar carrexa moitos males.
30A criado torcido, moitas cadeas,
mais non te pases con ninguén
nin fagas nada sen xustiza.
31Tes soamente un criado? —Que sexa coma ti,
pois cando esteas feble terás necesidade del;
tes soamente un criado?— Trátao coma irmán,
non teñas celos do teu propio sangue.
32-33Se o asoballas fuxirá, e pérdelo,
por que camiño habías de atopalo?
Currently Selected:
Eclesiástico 33: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT