Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 32

32
c) O simposio
1Se te invitan á presidencia non te enfonches
coma un deles,
ocúpate dos outros, despois ponte á mesa.
2Atende ó que lles cómpre,
só despois déitate no diván
para te deleitares cos seus honores
e amosares bo tino coa túa compostura.
3Se es un ancián, fala cando che toque,
agudo nas razóns, e non impidas o canto.
4Cando cheguen os brindes non prolongues o discurso
e aínda que non haxa música non presumas de sabio a contratempo.
5Broche de rubí engastado en ouro
é un cantar ben acordado nun banquete con viño.
6Colar de ouro con pedra de zafiro
é o son do cantar despois dun licor agradable.
7Se es rapaz novo, fala se é necesario
despois de seres invitado con insistencia dúas ou tres veces.
8Serás breve: di moito en poucas verbas;
fai impresión de que, ben informado, sabes calar.
9Non interveñas cando falen os anciáns
nin te prodigues en explicacións cos magnates.
10Antes da sarabia brilla o lóstrego,
por diante do modesto fulxe o seu engado.
11No intre de partires non te demores,
volta para a túa casa e fai alí o que che pete.
12Di entón o que che veña en mente
mais con temor de Deus e non sen siso;
13e, por riba de todo, dá grazas ó creador
que te fartou con tantas cousas boas.
Actitudes perante a Lei
14Quen consulta a Deus aprende a disciplina,
quen por El se ergue cedo atopará resposta.
15Quen pescuda na Lei tirará dela froito
mais quen a toma a xogo enrédase nela.
16Quen teme ó Señor aprenderá o dereito,
do seu interior tirará as decisións axeitadas.
17O home argucioso desvía as refutacións
e retorce a Lei conforme ó gusto seu.
18Un home sabio non agacha o seu saber
coma tampouco o insolente garda a lingua.
19Nada fagas sen aconselláreste
para non teres que te arrepentir despois do feito.
20Non vaias por camiño cheo de trampas
nin batas por dúas veces nun tropezo.
21Non vaias confiado por camiño de bandoleiros
e garda as costas.
22En todas as accións vixíate a ti mesmo;
quen obra dese xeito garda a Lei.
23-24Quen cumpre coa Lei, a si mesmo se garda;
e quen afiúza no Señor non será confundido.

Currently Selected:

Eclesiástico 32: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in