Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 31

31
Coidados da riqueza
1O insomnio do rico mírralle as carnes
e a preocupación pola mantenza escorréntalle o sono;
2A coita do sustento impídelle o descanso
e, máis ca unha grave doenza, non o deixa durmir.
3Ataréfase o rico para amorear facenda
e cando repousa é para se encher de praceres;
4o pobre fatígase e sempre andará escaso,
e se repousa, convértese en mendigo.
5Quen corre tralo ouro non quedará impune
e quen ama o lucro por culpa del extraviarase.
6Moitos foron vítimas do ouro
e afiuzaron nas perlas,
mais non foron tales de libralos da desgraza
nin de salvalos no día da ira;
7pois é un lazo para o necio
e todo inxenuo enrédase nel.
8Feliz o home que foi atopado íntegro
e non errou tralo diñeiro.
9Quen é este?, para agasallalo,
xa que fixo marabillas no medio do seu pobo.
10Quen foi tentado e permaneceu indemne?
Sexa para el motivo de gloria.
Quen podendo extraviarse non se extraviou,
podendo facer o mal, non o fixo?
11A súa felicidade estará a seguro
e a asemblea publicará a súa loanza.
Educación á mesa
a) Urbanidade no banquete
12Filliño, se asentas á mesa dun magnate,
non abras a boca diante dela
nin digas: —"Canta fartura hai aquí!"
13Pensa no ruín que é o ollo malicioso
—Deus refuga o ollo retranqueiro,
non creou cousa peor ca el;
por iso chora adoito—.
14Considérate do veciño coma de ti mesmo;
ten en conta o que a ti non che gusta.
15Non botes a man ó que el ten de ollo,
nin tropeces con el na bandexa.
16Xanta coma un home do que che sirvan
e non o engulas ás présas para non dares noxo.
17Remata o primeiro coma ben educado
e non recunques para que non te desprecen.
18E aínda que asentes con outros moitos
non te sirvas antes có compañeiro.
19Abofé, ó home asisado con pouco lle abonda
e despois no leito non rebole.
20As dores, o insomnio, afogos, acoros
e cólicos, tócanlle ó inmoderado;
en troques, un sono saudable ó de estómago baleiro:
erguerase de mañá ben aleuto.
21Se, non obstante, te sentes cheo co xantar,
érguete, vomita, e acougarás.
22Escoita, filliño, e non me despreces,
máis tarde comprenderás o que che eu digo:
serás moderado en todo o que fagas
e non haberá mal que te alcance.
23As bocas bendín ó hóspede xeneroso
e a sona da súa liberalidade permanece.
24Do hóspede mesquiño murmúrase polas rúas
e tamén dura a sona da súa avaricia.
b) O viño
25Diante do viño non presumas de forte
pois o mosto ten feito tatexar a moitos.
26A forxa pon a proba o traballo do ferreiro
e o viño as liortas dos barís.
27Para quen é san o viño?
—Para o que bebe a modo.
Que sería da vida sen viño
se desde o comezo foi creado para a ledicia?
28Animo xubiloso, troula e simpatía:
o viño bebido ó seu tempo e con tino;
29resaca, tristura e vergonza:
viño bebido con rabia e carraxe.
30O moito alcohol é unha trampa para o necio:
tóllelle as forzas e éncheo de feridas.
31Cando bebas non corrixas o veciño
nin o burles se se pon alegre;
non lle digas verbas inxuriosas
nin te poñas pesado con reclamacións.

Currently Selected:

Eclesiástico 31: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in