Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 30

30
Coidado dos fillos
1Quen ama a seu fillo dálle coa vara arreo,
ó rematar a súa vida terá de que aledarse.
2Quen corrixe a seu fillo tirará del proveito,
terá de que gabarse entre os coñecidos.
3Quen instrúe a seu fillo dá envexa ó seu inimigo,
e gozarase del diante dos amigos;
4cando o pai fina é coma se non morrese
pois deixa despois de si un semellante a el.
5De vivo tivo contento en ollalo,
e non se entristeceu no seu pasamento.
6Deixou un vingador de fronte ós seus inimigos;
e de cara ós amigos, quen devolva os favores.
7Quen moito aloumiña a un fillo xa lle vendará as feridas
e cada berro conmoveralle as entrañas.
8Besta non domeada sae testana,
fillo consentido sae teimudo.
9Afaga ó teu fillo, terás de que tremer;
anda a xogos con el e hate contristar.
10Non rías con el para non chorares por el
e para non ter ó remate que renxer os dentes.
11Non o deixes ó seu antollo na mocidade
nin pases por alto os seus malos costumes;
12faille baixar a cabeza namentres é rapazote,
trabállalle os lombos mentres é pequeno,
non che veña plantar cara e revirarse
e se che troque en motivo de angustia.
13Corrixe a teu fillo, faille pesado o xugo
para que non se che opoña nunha das súas arroutadas.
Boa saúde
14Mellor é pobre san e rexo
ca rico coa eiva no corpo.
15Prefiro vida sa ó ouro puro
e o bo natural ás perlas.
16Non hai riqueza meirande ca un corpo rufo
nin outro ben coma o corazón bondadoso.
17Mellor é a morte ca unha vida coitada
e o acougo eterno cá doenza crónica.
18Lambetadas postas diante de boca pechada
son coma ofrendas de comida diante dun ídolo;
19para que levar ofrendas a ídolos pagáns
que nin comen nin olen?
Pois así vén sucedendo co que ten facenda
e non pode gozar dela;
20óllaa coa vista e salaia
como salaia o eunuco que apreixa unha moza.
Procura da alegría
21Non te deixes dominar pola tristura,
non te abaixes por mor da túa culpa.
22O corazón ledo é a vida do home
e a ledicia faino comprensivo.
23Abre o teu ánimo, colle folgos,
afasta de ti a mágoa;
pois a moitos ten matado a señardade
e nada aproveita a coita.
24Envexa e ira acurtan a vida
e as arelas avellentan antes de tempo.
25Para un ánimo feliz, durmir é xa un banquete
e canto come aprovéitalle.

Currently Selected:

Eclesiástico 30: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in