Eclesiástico 29
29
Problemas de xenerosidade
a) O préstamo
1Fai unha caridade quen empresta ó próximo,
quen bota unha man garda os mandamentos.
2Empresta ó teu próximo cando o precise
e pola túa banda devólvelle no prazo acordado.
3Cumpre coa palabra, sélle honrado
e en todo momento atoparás o necesario,
4porque moitos pensan que un empréstito é unha ganga
e enchen de preocupacións a quen os axudou.
5Ata conseguilo, todo é bicarlle as mans
e abaixar a voz diante das riqueza do próximo;
ó tempo de devolver, todo é aprazar,
responder con mal humor
e botar a culpa á situación.
6Se ten con que, coma moito recobrarase a metade
e xa sería un milagre;
se non ten, defráudalle os bens
e gaña por riba un inimigo
que retrucará con maldicións e insultos
e en vez de honra pagaralle con aldraxes.
7De xeito que moitos, non por mala vontade, néganse,
pois teñen medo de seren desposuídos sen razón.
b) A esmola
8Ti, non obstante, acorre ó pobre
e non lle demores a túa esmola.
9En razón do mandamento, acolle ó mendigo,
e segundo a súa necesidade non o despidas baleiro.
10Gasta o teu diñeiro por un irmán ou un amigo
e non se che perda enferruxado baixo a lousa.
11Coloca o teu capital segundo os mandados do Altísimo
e producirache máis có ouro;
12nas túas arcas garda con chave a esmola
e librarate de todo mal;
13máis do que un rexo escudo e unha pesada lanza
loitará ó teu favor contra o teu inimigo.
c) A fianza
14Un home de ben dá fianza polo seu próximo
e só quen perde a vergonza retíraa.
15Non esquezas o favor de quen te afianzou
pois puxo a súa persoa ó teu favor.
16O pecador non ten en conta a bondade do fiador,
17e o de natural ingrato esquece a quen o salvou.
18A fianza perdeu a moitos que medraban,
abaneounos coma a onda do mar;
fixo emigrantes de homes poderosos
que andaron errantes por nacións alleas.
19O pecador trabúcase por culpa da fianza:
ó procurar proveito vai dar nun proceso.
20Axuda ó próximo segundo os teus medios
mais gárdate de caeres ti tamén.
Vivir co necesario, pero libre
21O necesario para vivir é auga, pan, vestido
e unha casa para encubrir a nudez.
22Máis conta ten vivir pobre baixo teito de táboas
ca banquete espléndido en casa allea.
23Pouco ou moito que teñas, vive contento,
non terás que escoitar coma insulto: "forasteiro".
24Vida dura a de andar de casa en casa,
onde sexas forasteiro non poderás abrir a boca;
25darás comida e bebida e non cho agradecerán
e aínda por riba terás que escoitar verbas acedas:
26—"ven acó, forasteiro, arranxa a táboa,
dáme a xantar do que teñas a man";
27—"lisca, forasteiro, que hai xente importante:
chegou o meu irmán, cómpreme a casa".
28Para un home asisado é cousa ben dura
ser burlado de "forasteiro" e aldraxado de "debedor".
Currently Selected:
Eclesiástico 29: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT