Eclesiástico 3
3
O cuarto mandamento
1Escoitade, fillos, a corrección paterna
e obrade de xeito que vos salvedes;
2pois o Señor honrou ó pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
3Quen honra a seu pai redime as culpas.
4Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
5Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
6O que respecta ó pai terá vida longa
e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai
7e servirá coma a amos a aqueles que o xeraron.
8Meu fillo, honra a teu pai de palabra e de obra
para que veña sobre ti toda clase de bendicións.
9A bendición dun pai fai botar raigaños,
a maldición dunha nai arrinca a planta.
10Non te gloríes coa deshonra de teu pai
pois non é para ti un motivo de honor.
11A un home vénlle honor da honra de seu pai
mais quen maldí de súa nai fai un grave pecado.
12Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
13Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
14O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer coma compensación do pecado;
15no día da proba teráseche en conta;
coma coa calor a xeada esluiranse as túas culpas.
16É coma un blasfemo quen avergonza a seu pai
e provoca ó seu creador quen maldí de súa nai.
Humildade e teimosía
17Meu fillo, cando sexas rico procede modestamente
e virás a ser máis amado có que fai moitos agasallos;
18faite pequeno diante das grandezas do mundo
e encontrarás favor onda Deus;
19-20pois grande é a misericordia de Deus
que revela os seus segredos ós humildes.
21Non vaias á procura do difícil de máis para ti
nin pescudes o que te supera;
22dedica a túa reflexión ó que está no teu poder
e non te ocupes do profundo e escondido.
23Non te afanes no que te supera
pois amosáronseche cousas que non podes comprender.
24Certamente moitas son as teimas dos humanos
mais as matinacións perversas desvarían.
25Sen pupila falta a luz
e onde falta o coñecemento non hai Sabedoría.
26Mente teimuda terá mal final
e quen ama os praceres neles será alindado.
27Mente teimuda multiplica as súas coitas,
quen se atormenta engade culpa á culpa.
28Non corras a sandar a ferida do burlón;
non ten cura pois é grelo de planta cativa.
29A mente sabia comprende os ditos dos Sabios,
o oído atento á Sabedoría aledarase.
Caridade co marxinado
30Coma a auga mata o lume flamante,
a esmola encobre os pecados.
31Quen fai o ben, atópao nos seus camiños,
cando tropece encontrará un acougo.
Currently Selected:
Eclesiástico 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT