Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 4

4
1Filliño, non te burles da vida do coitado
nin entristezas a quen sofre mágoas;
2non deixes que xema o necesitado
nin te escondas dos deprimidos.
3Non conturbes as entrañas do asoballado
nin causes mágoa no interior do miserento;
non negues unha dádiva ós mendigos.
4Non refugues as demandas do pobre,
5non lle deas motivo de te maldicir
6pois queixaríase co corazón amargado da dor
e a súa Rocha escoitaría o son do seu laio.
7Fai que te queiran ben na comunidade
e abaixa a cabeza diante do maxistrado.
8Párate a escoitar ó pobre
e devólvelle con modestia o saúdo.
9Ceiba ó asoballado do seu opresor
e non teñas reparo en defender unha causa xusta.
10Serás coma un pai para os orfos,
fai as veces de marido para as viúvas;
daquela Deus hate chamar fillo,
seraslle grato e ceibarate da cova.
A Sabedoría, pedagoga
11A Sabedoría instrúe ós seus fillos
e exhorta ós que a estudan.
12Os que a aman, aman a vida,
os que a procuran, acadan beneplácito de Iavé.
13Os que a acaden, encontrarán gloria,
farán morada na bendición de Iavé.
14Dan culto ó Santo os que a serven,
Deus en persoa ama ós que a aman.
15Quen me escoita, vive seguro;
quen me preste atención morará nas miñas cámaras.
16Se afiúza en min, terame en herdanza
e a súa descendencia conservará a miña posesión,
17pois disfrazada, camiñarei ó seu carón:
de primeiras probareino con tentacións,
infundireille terror e medo,
e en tanto o seu corazón non se encha de min
poreino a proba cos meus exames;
18volverei entón a conducilo
e revelareille os meus segredos.
19Mais se se afasta refugareino,
e entregareino ás cadeas.
Respecto humano e sinceridade
20Meu fillo, no tempo da fartura, gárdate con temor do mal
para non ter que te avergonzares de ti mesmo
21pois hai vergonza que leva aparellada a culpa,
como outra vergonza carrexa boa sona e favor.
22Non andes con miramentos que te prexudiquen
e non te rebaixes ante quen te quere humillar.
23Non conteñas unha palabra ó seu tempo
nin agaches a túa sabedoría,
24pois falando dáse a coñecer a Sabedoría
e o discernimento na resposta da lingua.
25Non lle leves a contra a Deus;
sométete a Deus.
26Non te avergonces de te converter da culpa:
non fagas fronte á corrente.
27Non te sometas ó mal asisado
nin te revires contra os que gobernan.
28Loita ata a morte pola xustiza
e Iavé combaterá do teu lado.
29Non sexas de lingua fachendosa
nin frouxo nin remiso nos teus feitos;
30non sexas coma un león no teu casal
mais tampouco afastado e tímido cos teus criados.
31Que a túa man non estea aberta para recibir
e pechada cando se trata de dar.

Currently Selected:

Eclesiástico 4: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in