Eclesiástico 28
28
1Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor,
pediralle razón estreita dos seus pecados.
2Perdóalle a inxuria ó teu próximo
e entón ó pregares seranche perdoados os teus pecados.
3Home que lle garda a outro xenreira,
como lle vai pedir ó Señor que o cure?
4De alguén que é coma el non se apiada,
e vai rogar polos seus pecados?
5Se el, que é carne, mantén a ira,
quen lle vai expiar as súas culpas?
6Pensa na fin e deixa de asañarte,
recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.
7Lembra os mandamentos e non rifes co próximo,
recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.
O lume das liortas
8Tente lonxe das rifas e minguarás os pecados
pois é o home iracundo quen acende as liortas
9e o home pecadento quen perturba ós amigos
metendo a disputa entre os que se levan ben.
10Segundo sexa a leña, alampa máis o lume;
segundo sexa a teimosía, agrándase a loita.
Conforme sexa a forza dun home, tanto máis se alporiza,
conforme sexa un rico, tanto máis se enrabecha.
11Faísca súbita acende o lume,
liorta precipitada derrama o sangue.
12Sopras na muxica e alampa,
cóspeslle enriba e apágase,
e ámbalas dúas cousas saen da túa boca.
Linguas maliciosas
13Malia o murmurador e o de lingua dobrada:
ten estragado moita xente de paz.
14Lingua de terceiros exiliou a moitos
facéndoos pasar de nación en nación,
derrubou cidades fortificadas,
arruinou pazos principescos.
15Lingua de terceiros fixo repudiar mulleres de valía
privándoas do froito dos seus traballos;
16quen lle presta oídos non terá máis acougo
e xa non morará en paz.
17Un traballo deixa negróns,
a zoupada da lingua quebra os ósos.
18Moita xente morreu a fío de espada,
mais non tantos como pola lingua;
19feliz quen se furta dela,
a quen non alcanza o seu furor,
quen non tira do seu xugo
nin vai atado coas súas cadeas;
20pois o seu xugo é de ferro
e as súas cadeas de bronce.
21Duro é morrer por culpa dela,
mellor ca ela é o Hades.
22Sobre os piadosos, con todo, non ten poder,
non se queimarán na súa labarada;
23caerán nela os que se afastan do Señor,
consumiraos sen esmorecer;
chimparase sobre eles coma un león.
esfaragullaraos coma unha pantera.
24Mira: cingue a túa leira con sebe de toxos
encerra ben a túa prata e o teu ouro
25e ponlles ás túas verbas balanza e mais pesas,
e pecha a túa boca con porta e ferrollo.
26Coida de non dares con ela un mal paso,
non vaias caer diante de quen te axexa.
Currently Selected:
Eclesiástico 28: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT