Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 27

27
1Moitos pecaron por culpa da ganancia
e quen procura encherse desvía os ollos.
2Entre a xuntura das pedras afíncase unha estaca,
entre a venda e a compra cóase o pecado.
3A quen non é firme no temor do Señor,
ben axiña se lle derrubará o casal.
A proba do home
4Tralo abaneo da peneira, queda o farelo;
tamén queda o refugallo do home cando o examinan.
5As potas do oleiro saen segundo arda o forno,
un home é o que é segundo o que pensa.
6Conforme o que se coide unha árbore serán os seus froitos,
e o raciocinio segundo a inclinación que un teña.
7Non loes a ninguén antes de que razoe
pois tal é a proba dos homes.
Vivir na verdade
8Se persegues a rectitude, acadarala
e levarala vestida coma túnica de gloria.
9Os paxaros pousan xunto cos da súa especie
e a verdade achégase ós que a practican.
10O león axexa a presa
e o pecado ós que cometen inxustizas.
11A conversa do home relixioso é sempre sabia,
o necio cambia coma a lúa.
12Demora o momento de ires cos insensatos,
cos intelixentes alonga a morada.
13A conversa dos parvos é molesta,
as súas risadas deléitanse no pecado.
14A linguaxe do xurafaz dá arrepío,
cando rifa tes que pechar os oídos.
15Liorta de fachendosos, derramo de sangue:
dá noxo escoitar as súas inxurias.
Segredo e amizade
16Quen descobre un segredo perde o creto,
non atopará amigo ó seu gusto;
17gaña un amigo e afiúza nel,
mais se descobres o seu segredo, non corras tras el,
18pois coma quen botou a perder a herdanza
botaches ti a perder a amizade do teu amigo;
19como se deixases fuxir da man un paxariño;
ó deixares irse o amigo, xa non o recuperarás.
20Non intentes seguilo, xa vai lonxe,
escapou coma a gacela do lazo.
21É doado enfaixar unha ferida
e reconciliar tras unha liorta,
mais para quen descobre un segredo, finou a esperanza.
Comenencias
22Quen chisca o ollo, traza cousa mala,
o que se decata diso afastarase del;
23diante de ti adozará a súa boca
marabillándose das túas razóns;
despois muda a linguaxe
e dálles ás túas verbas un senso escandaloso.
24Moitas cousas aborrezo, mais ningunha coma esta;
tamén o Señor o refuga e o maldí.
Onde as dan, lévanas
25Quen tira a pedra ó alto, cáelle na cabeza,
quen bate a traizón leva parte nas feridas.
26Quen cava a cova irá a dar nela,
quen tende unha rede enredarase nela;
27A quen fai o mal háselle volver contra el
e non saberá de onde lle veu.
28Escarnio e aldraxe son cousas do soberbio
mais a vinganza ándalle á espreita coma un león.
29Os que gozan coa caída dos piadosos serán pillados na trampa,
a dor faralles compaña ata a morte.
Xenreira
30Xenreira e asañamento son de aborrecer;
o pecador é quen os posúe.

Currently Selected:

Eclesiástico 27: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in