Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 26

26
c) A muller boa
1Benia o marido de muller xeitosa:
vive días dobrados.
2A muller de valer engorda ó marido:
anos que viva, sempre andará ledo.
3Muller boa, boa partilla:
tócalle en sorte a quen teme ó Señor;
4sexa rico ou pobre sempre dá bo tempo
e en todo momento pon cara riseira.
d) A muller inmoral
5Tres cousas fanme tremer o ánimo
e unha cuarta arrepíame:
calumnia de vila, xuntanza de turba,
falsa testemuña: todo peor cá morte.
6Dor de corazón e pranto é a muller que se cela doutra;
e a tralla da lingua ten que ver con isto todo.
7Muller perversa é coma un xugo frouxo
e quen a aferra pilla un alacrán;
8grande noxo dá a muller bébeda,
non lle será doado agachar o seu baldón.
9A imprudencia da muller nótaselle no ollar descarado,
coñéceselle ben no pestanexar.
10Diante dunha moza lercha reforza a garda,
non sexa que vendo debilidade se aproveite.
11Garda ben os ollos ante unha descarada,
non te estrañes se despois che falta,
12pois abre a boca coma viaxeiro sedento
e bebe da primeira auga que atopa;
senta diante de calquera esteo
e a calquera frecha abre a súa alxaba.
e) A muller xeitosa
13O engado da esposa aleda ó marido
e o seu siso refórzalle os ósos.
14Don do Señor é a muller calada
e non ten prezo a ben educada.
15Graza sobre graza, a muller recatada,
nin se paga con nada a que se contén.
16Coma raiola o sol por riba dos cumios
así a beleza da muller na casa ben gobernada.
17Candea que aluma no santo lampadario
é unha cara belida sobre un corpo xeitoso.
18Columnas de ouro baseadas en prata
son as pernas lanzais sobre pés ben plantados.
Inserción posterior
19Filliño, conserva a flor da túa mocidade
e non deas a mulleres alleas o teu vigor.
20Despois de procurarte a leira máis fértil da bisbarra,
sementa a túa semente afiunzando na túa caste.
21Deste xeito os xermolos que te sucedan
medrarán orgullosos da súa liñaxe.
22Muller a prezo non vale un farrapo,
a casada é cadea perpetua para os que gozan dela.
23Muller impía, tóquelle en sorte ó pecador;
a piadosa dáselle a quen teme ó Señor.
24Muller sen vergonza practica o máis infame,
moza recatada mesmo co marido é delicada.
25A muller impúdica será tratada coma unha cadela,
a pudorosa temerá ó Señor.
26Muller que honra ó marido, a todos lles parece sabia;
á que o despreza por soberbia, todos a terán por impia.
Benia ó marido de muller xeitosa:
o número dos seus anos será dobrado;
27Muller chiona e lingoreteira
é trompeta de guerra que anuncia unha carga;
quenquera que se encontre en tales condicións
pasará a vida entre liortas.
Escándalos
28Dúas cousas énchenme o ánimo de tristura
e unha terceira de carraxe:
o paladín impedido pola pobreza,
o desprezo de homes intelixentes,
e o que vira da virtude ó pecado;
o Señor resérvalle a espada.
Pecados do negociante
29Dificilmente se libra de culpa o negociante
nin o tratante fica libre de pecado.

Currently Selected:

Eclesiástico 26: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in