Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 25

25
Gozos e dores de Ben Sírah
1Con tres cousas relouca o meu espírito,
cousas ben vistas do Señor e dos homes:
concordia entre irmáns, amizade co veciño,
muller e home que se levan ben.
2E tres castes de xente aborrece o meu espírito
sen que ature o seu xeito de vida:
o pobre orgulloso, o rico falso,
o vello godallo e sen siso.
Sabedoría da ancianidade
3O que non amoreaches na mocidade
como o queres atopar na ancianidade?
4Que ben di coas canas o bo tino
e cos anciáns o saber dar consello!
5Que ben vai a sabedoría nos anciáns
e o matinar ponderado nos homes venerables!
6A moita experiencia é coroa dos anciáns,
e o seu orgullo está no temor do Señor.
Decálogo da felicidade
7Véñenme á mente nove cousas felices ó meu ver
e coa lingua vou proclamar a décima:
Benia o home que goza de seus fillos
e quen vive para ver a desfeita dos seus inimigos.
8Benia o casado con muller prudente
e quen non ten que arar cun boi xunguido co burro.
Benia quen non esvara coa lingua
e quen non ten que servir a un inferior.
9Benia quen atopa persoa comprensiva
e quen fala a oídos que escoitan.
10E que grande é o que atinxe a Sabedoría!
Mais non é meirande có que teme ó Señor.
11-12O temor do Señor sobreponse a todo;
con quen comparar a quen o acada?
Da muller
a) A esposa insoportable
13De feridas, calquera menos a do corazón;
de maldade, calquera menos a de muller;
14de agresións, calquera menos a dos que odian;
de vinganzas, calquera menos a dos inimigos.
15Non hai pezoña peor cá da serpente
nin carraxe peor cá da muller.
16Prefiro convivir con león ou dragón
a ter que habitar con muller perversa.
17A rabia da muller múdalle a cara,
ponlle a faciana escura coma un oso,
18cando o marido senta cos amigos,
mal que lle pese fóxenlle os salaios.
19Toda maldade é pouca en comparanza coa da muller,
cáialle enriba a sorte do pecador!
20Costa areosa para andar de vello
é a muller lingoreteira para un home quedo.
b) A muller perversa
21Non te enguedelles en fermosura de muller
nin deas en arelar a súa facenda
22pois é unha escravitude e unha vergonza
que unha muller manteña ó seu marido.
23Animo coitado, faciana tristeira,
corazón ferido: muller perversa;
brazos cangados, xeonllos frouxos:
muller que non fai feliz ó marido.
24Por unha muller comezou o pecado
e por culpa dela todos morremos.
25Non deas paso á auga
nin deixes falar libremente á muller ruín;
26se non se somete,
corta en seco e bótaa lonxe de ti.

Currently Selected:

Eclesiástico 25: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in