Eclesiástico 24
24
Volume II
Eloxio da Sabedoría
1A Sabedoría fai a propia loanza
e gábase no medio do seu pobo;
2Abre a boca na asemblea do Altísimo,
proclama a súa gloria diante do seu exército:
3—"Eu saín da boca do Altísimo
e recubrín a terra coma a néboa;
4plantei a miña tenda no máis alto
e pousei o meu trono nunha columna de nubes.
5Eu soa rodeei o cerco dos ceos
e dei unha volta polo fondo dos abismos;
6tiven poder sobre as ondas do mar, sobre toda a terra
e en todo pobo e nación.
7Entre todos eles procurábame acougo
e a herdanza en que afincas a miña morada;
8foi entón cando o creador universal me ordenou
e o que me formou fíxome plantar a tenda
dicíndome: Afinca en Xacob,
colle por herdanza a Israel.
9Antes dos séculos, desde o comezo, creoume
e endexamais non deixarei de existir;
10oficiei na súa tenda santa, diante del,
e deste modo estableceume en Sión;
11do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,
Xerusalén, onde goberno.
12Botei raiceiras nun pobo de moita sona
e teño a miña herdanza na parcela do Señor.
13Medrei coma o cedro no Líbano
e coma o ciprés nos montes do Hermón;
14crecín coma a palmeira en Engadí
e coma a roseira en Xericó,
coma a oliveira lanzal na chaira,
e medrei coma o plátano.
15Espallei un recendo coma o da canela e a lavanda
ou coma o da mirra refinada,
coma o gálbano, o ónix e o estacte
e coma a nube de incenso na tenda;
16Alonguei as miñas pólas coma o terebinto
e os meus ramos son maxestosos e belidos;
17-18coma unha vide agromei xeitosa,
as miñas flores dan froito abondo e sazonado.
19Vinde onda min os que me arelades
e enchédevos dos meus froitos,
20pois a miña lembranza é máis doce có mel
e a miña herdanza máis doce có favo.
21Os que me coman aínda han ter fame;
e os que me beban aínda han ter sede;
22quen me obedeza non terá que avergonzarse
e os que fagan as miñas obras non pecarán".
23-24Isto todo non é mais có libro da alianza do Deus Altísimo,
a lei que Moisés nos promulgou
coma herdanza para as asembleas de Xacob.
25Coma o Pisón, vai chea de Sabedoría,
ou coma o Tigris no tempo da enchente;
26énchese de intelixencia coma o Éufrates,
coma o Xordán nos días da seitura;
27coma o Nilo burbulla a instrución,
coma o Guihón no tempo da vendima.
28O primeiro aínda non a deu sabida,
tampouco o derradeiro non chegará a pescudala,
29pois o seu pensamento é máis amplo có mar
e o seu consello meirande có océano.
30Eu tamén xurdín coma regueiro de río
ou coma unha canle que vai dar nun xardín,
31dicindo para min: —"Regarei a miña leira,
alagarei o meu horto";
mais velaquí: o meu regueiro volveuse río
e o meu río trocouse nun mar.
32Aínda farei brillar a ilustración coma o abrente,
fareina relucir ben lonxe.
33Aínda hei de espallar a miña doutrina coma unha profecía,
deixareina para as xeracións vindeiras.
34Decatádevos de que non traballei só para min
senón tamén para todos os que a procuran.
Currently Selected:
Eclesiástico 24: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT