Eclesiástico 23
23
1Señor, pai e dono da miña vida,
non me deixes caer por culpa deles.
Non me abandones ó seu antollo.
2Quen zorregará nas miñas matinacións
e porá na miña mente unha disciplina sabia
que non pase por alto os meus erros
nin lle fuxan os meus pecados?
3Para que non medren as miñas ignorancias
nin se acrecenten as miñas culpas,
de xeito que vaia caer diante dos meus contrarios
e se alede á miña conta o meu inimigo?
4Señor, pai e Deus da miña vida,
5non me consintas ter ollos fachendosos
e aparta de min a concupiscencia,
6non me asoballen a gula e a luxuria
nin me abandones a un espírito impuro.
O falar
7Escoitade, filliños, o ensino sobre o falar;
a quen o garde non o atraparán.
8Polos labios enguedéllase o pecador,
por eles tropezan o maldicente e o soberbio;
9non afagas a túa boca ó xuramento
nin adoites pronunciar o nome santo,
10pois así como o criado vixiado de continuo
non fuxirá sen azoutes,
tamén quen xura e o nomea a cada momento
non ficará libre de pecado.
11Home que moito xura abunda en impiedade
e non afastará a tralla da súa casa.
Se foi por descoido, leva enriba o pecado;
se o fai á lixeira, pecou dúas veces;
se xurou en falso, non o absolverán
e a súa casa encherase de desgrazas.
12Verbas hai de tal caste que semellan a morte:
que non se dean na herdanza de Xacob!
As xentes piadosas refúganas
para non se revolveren nos pecados.
13Non acostumes a boca á grosería impura:
tamén nela se atopa motivo de pecado.
14Pensa no teu pai e na túa nai
cando sentes entre os grandes,
non sexa que o esquezas diante deles
e te comportes coma un tolo;
desexarías non nacer
e maldicirías o día do teu nacemento.
15Home afeito a aldraxar
non se corrixirá en toda a vida.
A inmoralidade
16Dúas castes de seres amorean pecados
e a terceira atrae a carraxe:
17A paixón ardente coma o lume aceso
que non esmorece ata ensumirse,
o home impúdico con alguén do seu sangue
que non cesa mentres o lume non o abrase
(para o home impúdico todo pan é doce,
non vai repousar ata que morra),
18o home que peca contra o propio leito
e di para o seu interior: —"Quen me ve?
Rodéame a sombra, encóbrenme as paredes,
non me ha de ollar ninguén, de que vou ter medo?
Nin sequera o Altísimo lembrará ós meus pecados".
19Teme a ollada dos homes
sen se decatar de que os ollos do Señor
aluman mil veces máis có sol,
esculcan todos os comportamentos humanos
e dexergan os recunchos máis recónditos;
20coñece El canto pasa antes de que suceda
e, do mesmo xeito, despois de rematar.
21Ese será polo tanto castigado na praza pública,
será atrapado onde menos o espere.
22Parella sorte corre a muller que deixa ó marido
e lle dá por herdeiro un fillo alleo,
23pois, primeiro, desobedece a lei do Altísimo;
segundo, fáltalle ó seu marido;
e, terceiro, lixouse cun adulterio
xerando fillos dun home estraño.
24Esa será arrastrada diante da asemblea,
farase enquisa sobre seus fillos,
25fillos semellantes non botarán raigaños
e as súas pólas non darán froito;
26deixará unha lembranza maldita,
non se limpará o seu escarnio;
27entón decataranse os que veñen atrás
que nada vale máis có temor do Señor,
e que nada hai máis doce que gardar os seus mandados.
Currently Selected:
Eclesiástico 23: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT