Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 22

22
O preguiceiro
1O preguiceiro semella un pelouro emporcado,
todo o mundo lle asubía do noxo que dá.
2O preguiceiro semella unha bosta,
quenquera que a toque sacode a man.
Educar a tempo
3Vergonza é para un pai dar vida a un fillo malcriado,
tamén é boa perda que lle naza unha filla.
4A rapaza prudente é un tesouro para o seu marido,
a rapaza lercha dá mágoa a quen a xerou.
5A desvergonzada afronta ó pai e ó marido;
ámbolos dous a refugan.
6-8Botar un sermón a destempo é coma levar música a un velorio;
corrixir co fungueiro sempre foi boa sabedoría.
O necio é irrecuperable
9Ponse a pegar rachas quen instrúe a un necio;
é coma espreguizar a un durmiñón dun sono profundo.
10Tanto ten darlle razóns a un necio e darllas a un somnámbulo,
ó remate dirá: —"que pasou?".
11Chora por un morto: perdeu a luz;
chora por un necio: perdeu o siso.
Non chores tanto polo morto: xa acouga;
mais a vida do necio é peor aínda cá morte.
12O dó por un morto dura sete días
o do necio e do impío dura toda a súa vida.
13Co necio non fales moito
nin camiñes co parvo,
gárdate del para non ter molestias
para non te lixar cando esbardalle;
evítao e terás acougo
e non te importunará coa súa teima.
14Que hai máis pesado có chumbo?
Como se chama? —O necio.
15A area, o sal, unha masa de ferro,
son máis doados de aturar ca un home sen siso.
Plans e riscos
16Entaboado de madeira encaixado no edificio
non se descompón co terremoto.
Do mesmo xeito, unha actitude afincada nun plan ben madurado
non se conmove co perigo.
17Actitude afincada no cavilar argucioso
é coma adorno de pasta na parede de perpiaño.
18Seixos pequenos por riba do muro
non resisten ó vento;
mente timorata ante proposta tola
non resistirá ó medo.
A fráxil amizade
19Quen fere nun ollo arrinca bágoas,
quen fere no corazón fai xurdir o sentimento.
20Quen tira pedras ós paxaros fainos fuxir,
quen aldraxa a un amigo destrúe a amizade.
21Por máis que teñas desenvaiñado a espada contra un amigo,
non desesperes; aínda hai retorno.
22Por máis que teñas berrado cun amigo
non teñas medo; podédesvos compor.
Mais a aldraxe, o desprezo, o contar un segredo e ferir a traición:
iso é o que fai fuxir a un amigo calquera.
23Acada creto ante o teu veciño namentres é pobre;
cando lle vaia ben tamén ti medrarás.
Mantente a carón del nos momentos difíciles
para teres parte con el na súa herdanza.
24Na lareira, vapor e fume preceden ó sangue.
25Non me avergonzarei de protexer a un amigo
nin fuxirei de encontralo.
26Se por culpa del me viñese algún mal,
quen o saiba xa se gardará del.
Pregaria para comezar o ensino
27Quen porá garda na miña boca
e nos meus labios o selo da prudencia
para non caer por causa deles
e para que a lingua non me bote a perder?

Currently Selected:

Eclesiástico 22: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in